A Secretaría Xeral de Medios inviste 200.000 euros nas aulas CeMIT de Fisterra e Viana do Bolo, inauguradas hoxe

Xoves 24 de Marzo de 2011

A Secretaría Xeral de Medios inviste 200.000 euros nas aulas CeMIT de Fisterra e Viana do Bolo, inauguradas hoxe

A Xunta de Galicia inaugurou hoxe dous novos centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (aulas CeMIT) en Fisterra e Viana do Bolo, espazos abertos de comunicación e acceso público a Internet

Durante a inauguración estableceuse unha videoconferencia coa aula de Viana do Bolo (Ourense)

A Secretaría Xeral de Medios inaugurou hoxe as aulas CeMIT (Centro para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica) dos concellos de Fisterra (A Coruña) e Viana do Bolo (Ourense), nas que investiu 200.000 euros. No centro de Fisterra, estivo presente o alcalde, José Manuel Traba, quen conduciu a videoconferencia que se estableceu coa aula de Viana do Bolo.

Coa incorporación destas dúas novas aulas á Rede CeMIT, a Xunta de Galicia pretende dotar os veciños dun espazo aberto de comunicación que se configura como un vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a Sociedade da Información na nosa comunidade autónoma. Estas aulas ofrecen un servizo apropiado para familiarizar á cidadanía coas canles e soportes audiovisuais e multimedia e facilitan o acceso de balde a internet.

Dan resposta así, ao compromiso adquirido para que cada cidadán conte cunha aula de Modernización e Inclusión Tecnolóxica a menos de trinta minutos da súa residencia. O obxectivo é que ao rematar este ano estean en funcionamento 94 aulas en 88 concellos de Galicia.

A Xunta de Galicia, que investiu 100.000 euros para poñer en funcionamento a aula de Fisterra, colabora coa dotación e instalación de equipos audiovisuais e multimedia, así como co seu mantemento tecnolóxico. Ademais, incorpora o concello á Rede CeMIT para que se beneficien do traballo colaborativo en rede e da comunidade virtual CeMIT.

Ademais de dotar ás aulas CeMIT do equipamiento axeitado, a Xunta de Galicia busca que a aula CeMIT se converta nun punto de encontro dentro do concello conseguindo incorporalo como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía. Asociacións, empregados públicos, pemes, centros educativos e colectivos de todo tipo poden utilizar esta aula CeMIT para realizar cursos, roldas de prensa, videoconferencias, reunións de traballo, visionado de audiovisuais, conferencias, etc.

A Rede CeMIT da Xunta de Galicia
Un aula CeMIT é un espazo acondicionado acusticamente e de estética particular que dispón de material informático (ordenadores, impresoras, etc), equipo de videoconferencia, material audiovisual, pantallas de proxección e de plasma, así como outros sistemas de control que permiten recrear diferentes escenarios: accións formativas, videoconferencias, visionado de audiovisuais ou multimedia dependendo das necesidades técnicas do evento que se queira desenvolver.

A Rede Rede CeMIT é un servizo público e gratuíto para todos a cidadanía financiado pola Xunta de Galicia en colaboración cos concellos onde se sitúan.

Actualmente, a Rede CeMIT de Galicia dispón de aulas nas localidades da Coruña, Abegondo, Ames, Ares, Arzúa, Betanzos, Boiro, Brión, Camariñas, Carballo, Cerceda, Corcubión, Ferrol, Fisterra, Melide,Mugardos, Muros, Narón, Negreira, Noia, Oroso,Ortigueira, Padrón, Pontedeume, Pontes de García Rodríguez As, Porto do Son, Ribeira, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiago, Vedra, Vilasantar, Vimianzo, A Fonsagrada, Becerreá, Burela, Carballedo, Chantada, Foz, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Monterroso, Quiroga, Ribadeo, Riotorto, Sarria, Vicedo, Viveiro, Allariz, O Barco de Valdeorras, Beariz, Boborás, A Bola, Castro Caldelas, O Carballiño, Castrelo de Miño, Celanova, Manzaneda, Leiro, Ourense, Ribadavia, Sarreaus, Verín, Vilar de Santos, Viana do Bolo, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía, A Cañiza, A Estrada, Campo Lameiro, Catoira, Cuntis, Guarda A, Lalín, Marín, Moaña, Poio, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.