A Secretaria Xeral de Innovación destaca a importancia das achegas do sector TIC á estratexia tecnolóxica da Xunta
Mar Pereira reunise esta mañá cos representantes en Galicia da Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información e Telecomunicacións de España.
AETIC amosou a súa disposición a colaborar e valorou a sensibilidade e as actuacións da Administración galega no eido das TIC.
A secretaria xeral de Innovación e Modernización Tecnolóxica, Mar Pereira, recibiu esta mañá aos representantes do Consello Territorial da Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información e Telecomunicacións de España (AETIC), que expuxeron o seu interese, como expertos no sector, en “asesorar e acompañar á Xunta da Galicia nas súas liñas prioritarias mediante unha comunicación directa e accións de lobbing construtivas que permitan crecer a Galicia”.
A responsable de Innovación coincidiu na necesidade de colaboración entre a Administración e o sector TIC e agradeceu a súa cooperación nos “últimos e intensos meses de traballo”. Neste sentido, indicou que é “fundamental” contar coas empresas para a posta en marcha das moitas iniciativas previstas pola Xunta e apostou por manter unha comunicación constante e fluída, agradecendo de antemán as criticas e as propostas.
Neste sentido, a secretaria xeral incidiu en que o actual goberno está a desenvolver “un proxecto tecnolóxico único no que é esencial xuntar vontades”. Así, Mar Pereira destacou que o Clúster TIC nace nun momento interesante no que é importante “sumar”. Recordou que o sector TIC está integrado por empresas de perfil moi variado e que o Clúster pode axudar a vertebralo. Ademais, afirmou “crer no equilibrio entre empresas grandes, pequenas, locais e nacionais e nas alianzas complementarias que deixen riqueza en Galicia”
Mar Pereira expuxo ante os representantes de AETIC, a que considerou a máis relevante das actuacións previstas polo seu departamento, O Plan Tecnolóxico Global, que marcará a estratexia tecnolóxica da Xunta e para o que contarán coas achegas das empresas do sector.
Industria e TIC
Desde AETIC sinalaron a importancia do sector eTIC, destacando o impacto transversal que a súa actividade ten na sociedade e o papel que poden desempeñar na saída da actual crise económica. Ademais, chamaron a atención sobre o “e” de eTIC para alertar do “olvido” do sector máis industrial das empresas TIC xa que, desde o seu punto de vista, o futuro industrial dun país non pode deixar de lado a microelectrónica, a electrónica do automóvil, do naval, da enerxía etc. Tamén incidiron na importancia de facer plans non só tendo en conta as necesidades actuais senon traballar cunha previsión a medio prazo para que as empresas poidan actuar con certa anticipación.
Ademais, consideraron un paso clave para as empresas TIC galegas a recente posta en marcha do Clúster, que “conseguirá a integración dos nichos de mercado utilizando tanto ás grandes como as pequenas empresas”.
Por outra banda, desde AETIC informaron á secretaria xeral da súa intención de celebrar no último semestre do ano unhas xornadas na Comunidade de dous días de duración para converter a “Galicia no punto encontro do Medio Rural e das Telecomunicacións”. Un evento que se celebraría con carácter anual e a nivel internacional.
AETIC
Os representantes de AETIC lembraron que as empresas asociadas en Galicia xeran máis de 5.000 empregos e suman máis de 2.000 millóns de euros de facturación. A nivel estatal AETIC representa a preto de 3.000 asociados, dos que 300 son empresas individuais e o resto grupos e colectivos empresariais que desenvolven unha actividade relacionada coa electrónica, as tecnoloxías da Información e as telecomunicacións, cun valor de mercado equivalente a102.668 millóns de euros. Desde AETIC promóvese o desenvolvemento destes sectores e se busca potenciar a avance da sociedade da información en España e apoiar a oferta empresarial nas áreas que representa.