A revista Actualidad Económica outórgalle ao Plan de Banda Larga da Xunta o premio á Mellor Iniciativa Pública da Comunidade
A publicación entregou hoxe en Santiago os seus Premios Empresariais Galicia 2014.
O Plan facilitou o acceso a internet a máis de 700.000 galegos que carecían deste servizo en 2010.
Máis de 1,4 millón de galegos poden acceder á redes NGA con 100 Mbps de velocidade grazas a esta iniciativa da Xunta.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, recolleu hoxe o premio que a revista Actualidad Económica concedeu ao Plan de Banda Larga da Xunta como Mellor Iniciativa Pública da Comunidade. A publicación entregou hoxe os seus Premios Empresariais Galicia 2014, unha cita bianual, na que recoñece as mellores iniciativas empresariais de cada Comunidade e que nesta edición contou coa presenza da conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana.
Actualidad Económica destaca con este premio o esforzo da Administración autonómica para acadar unha Galicia conectada. En tres anos o Plan incrementou a porcentaxe de poboación con acceso a internet do 71% ao 97%, a día de hoxe.
Un plan para vertebrar Galicia
O Plan de Banda Larga, desenvolvido pola Amtega en colaboración cos operadores R, Telefónica e Iberbanda, facilitou o acceso a Internet a máis de 700.000 habitantes dos 786.000 que carecían deste servizo en 2010. O 3% restante dispón de cobertura de internet vía satélite, que está destinada ás zonas da Comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible a través desta tecnoloxía.
Ademais de dotar de acceso a internet a todos os galegos, outro dos obxectivos do Plan era que máis da metade dos galegos tivesen acceso á redes NGA, que permiten velocidades de 100Mbps, e cumpriuse a finais do 2013, chegando a 1,4 millón de persoas e cumprindo con dous anos de adianto o obxectivo para 2015 da Axenda Dixital para España. En total, son máis de 200 núcleos de toda a Comunidade os que teñen acceso a estas infraestruturas.
Dos máis de 17.200 núcleos obxectivo do Plan, xa están cubertos 16.460, máis do 95%. Un total de 285 concellos superan a porcentaxe de 90% de habitantes con cobertura de Internet, no 2010 só 2 conseguían esta porcentaxe.
O Plan conta cun investimento público-privado de ao redor de 230 millóns de euros, máis de 74 achegados por la Xunta, cofinanciados con Fondos Feder e Feader, aos operadores que colaboran co Plan.
Premiados 2014
O xurado e os lectores de Actualidad Económica outorgaron o premio de Mellor Empresario a Ángel Martínez Varela da empresa Fandicosta; o de Mellor Traxectoria Empresarial a Televés; o de Mellor Iniciativa Empresarial, a ampliación da sede de Inditex; o premio de Innovación á Universidade de Vigo; o Premio Revelación á empresa Quescrem: Mellor Estratexia Internacional a Bodega Martín Códax e o Premio á Creación de Emprego a Hijos de Rivera.
20 anos de Premios Empresariais
Actualidad Económica convoca os premios empresariais desde hai 20 anos co obxectivo de recoñecer a actividade empresarial e á figura do emprendedor como pezas chave na economía das comunidades autónomas, e de España no seu conxunto.
A selección dos candidatos é un labor minucioso, que se realiza con rigor mediante consulta previa ás principais institucións de cada unha das comunidades autónomas en que se realizan. Entre estas cabe destacar ás organizacións territoriais da CEOE, ás Asociacións de Novos Empresarios, Cámaras de Comercio, institucións financeiras, gobernos autonómicos, medios de comunicación rexionais, etcétera.
Con todas estas opinións, configúrase unha preselección, tras a cal, a redacción realiza unha investigación da marcha das diferentes empresas propostas, da que sae a candidatura final, que se somete á valoración dos lectores de Actualidad Económica.