A Rede Dixital de Emerxencias acenderase en xaneiro de 2015 para dotar a Galicia do sistema máis moderno de España e coa tecnoloxía máis punteira
Salienta que a plataforma se caracterizará pola súa fiabilidade mesmo en situacións extremas ou de saturación das redes e fará posible incorporar servizos como a localización vía GPS, envíos masivos de sms, consulta de bases de datos ou gravación de conversas durante o accidente.
Apunta que a rede será pioneira en España ao permitir habilitar o servizo de datos mellorado que multiplica por cinco a capacidade de transmisión con respecto á da rede convencional e contará cunha estación base transportable.
Destaca que o número inicial de usuarios será de 5.000, procedentes dos servizos de emerxencias da Xunta, coa previsión de que cheguen a 8.000 nun período de entre 3 e 5 anos e con capacidade para acadar os 12.000.
Sinala que a rede se porá á disposición doutros organismos públicos para garantir unha maior coordinación dos distintos servizos de emerxencias.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que en xaneiro de 2015 se producirá o acendido da Rede Corporativa de Comunicacións Móbiles Dixitais de Emerxencia e Seguridade de Galicia, que permitirá dotar a Comunidade do sistema de comunicacións máis moderno de España e coa tecnoloxía máis punteira. Así o dixo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que hoxe aprobou o Plan de explotación da rede, co obxectivo de que ao longo deste ano se instale a infraestrutura necesaria para que a plataforma comece a funcionar.
O mandatario autonómico destacou o traballo que vén realizando o Goberno galego para mellorar a resposta en caso de emerxencias, que se materializa no eido das infraestruturas; no consorcio coas deputacións provinciais para incrementar a cobertura dos parques de bombeiros –que xa chegan a porcentaxes superiores ao 95% da poboación-; na posta en marcha da Axencia Galega de Emerxencias, que optimiza os recursos; e na sinatura de protocolos de coordinación con comunidades limítrofes, con organismos públicos e con empresas que teñen algún risco potencial.
“Agora -subliñou- toca o tempo de traballar nunha tecnoloxía punteira. Cómo nos comunicamos en tempo real no momento dunha emerxencia? Esa é a pregunta e a resposta é: cunha única rede de emerxencias dixital propiedade da comunidade autónoma que garanta a seguridade e que blinde a comunicación e a coordinación en calquera tipo de incidencia”. Segundo explicou, se trata dunha rede exclusiva para todo o persoal da autonomía que se dedica a tratar unha emerxencia.
Feijóo concretou que o plan de explotación aprobado hoxe establece que cada organismo integrado asumirá os gastos na parte proporcional dos servizos que empregue e subliñou que a adquisición dos terminais necesarios para empregar a rede realizarase mediante un acordo marco, aprobado hoxe tamén polo Consello, que determinará os modelos homologados e as posibles empresas subministradoras.
Logo de precisar que este modelo de compra centralizada permitirá a todos os organismos da Xunta que se adhiran adquirir os terminais a un prezo competitivo; Feijóo lembrou tamén que esta rede será xestionada pola empresa pública Retegal e empregará a tecnoloxía TETRA, a máis punteira e recomendada pola Unión Europea para este tipo de comunicacións vinculadas á seguridade pública.
Ao fío disto, resaltou que o novo sistema se caracterizará pola súa fiabilidade incluso en situacións extremas ou de saturación das redes convencionais: garante a súa dispoñibilidade cando o resto de redes de telefonía se colapsa; emprega dispositivos móbiles adaptados a condicións extremas; e permite as comunicacións en grupo e a integración cos sistemas de integración cos sistemas de telefonía fixa e móbil.
Ademais, posibilita a incorporación de diversos servizos como situar en tempo real a posición de todos os dispositivos de emerxencias vía GPS, envíos de sms masivos a persoas ou grupos, consulta de bases de datos ou a gravación de conversas durante o incidente.
O presidente do Executivo autonómico asegurou que a rede de emerxencias de Galicia tamén vai ser a primeira de España que incorpore a posibilidade de habilitar o servizo de datos mellorado que multiplica por 5 a velocidade de transmisión de datos con respecto ás redes de emerxencias convencional. Engadiu que existirá tamén unha estación base transportable, que poderá ser empregada para un despregamento rápido de cobertura nunha zona de sombra ou aumentar a capacidade ante un evento que xere un incremente exponencial das comunicacións dos servizos de emerxencia e seguridade. Todas estas características, sinalou, “converten a rede de Galicia en referencia desde o punto de vista tecnolóxico e na máis ambiciosa de España”.
Unha maior coordinación entre servizos de emerxencias
O número inicial de usuarios estimados entre efectivos de Protección Civil, Axega, Policía Autonómica, 112, dispositivos antiincendios, bombeiros e 061 é de 5.000 -se ben, está previsto que cheguen aos 8.000 nun período de 3 a 5 anos en función da velocidade de incorporación voluntaria dos concellos e das empresas- e ten capacidade técnica para chegar ata os 12.000 usuarios. Polo tanto, destacou que estamos “ante unha rede coa posibilidade de duplicar o número de usuarios cos que nace”.
Salientou que esta rede se porá á disposición doutros organismos públicos, como deputacións ou concellos, conseguindo, deste xeito, unha maior coordinación dos distintos servizos de emerxencias. E na súa creación estanse a aproveitar infraestruturas de telecomunicacións implantadas no marco do Plan de Banda Larga da Xunta e as redes do operador público Retegal.
Feijóo afirmou que contar cunha rede de emerxencias propia permitirá aforrar 37 millóns en 10 anos, e o investimento a realizar –engadiu- será de 6,3 millóns, dos cales: o 70% son achegados pola entidade pública empresarial Red.es, con fondos Feder, e o 30% pola Xunta.