A Rede CeMIT realizará en setembro as primeiras probas presenciais para a obtención do CODIX dos responsables das aulas e persoal das entidades colaboradoras

Luns 18 de Agosto de 2014

A Rede CeMIT realizará en setembro as primeiras probas presenciais para a obtención do CODIX dos responsables das aulas e persoal das entidades colaboradoras

Estas probas de avaliación final serán de carácter presencial para garantir a calidade e transparencia do proceso de acreditación
O certificado de competencias dixitais en ofimática (CODIX), que emite a Amtega, acredita a formación nesta materia da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada
Unha vez acreditados os formadores das aulas, a partir de setembro, convocaranse cursos e probas presenciais abertas á cidadanía

A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) rematará na primeira semana de setembro a primeira edición do curso de teleformación para á obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX), dirixida aos responsables das aulas CeMIT e das entidades colaboradoras e de acción voluntaria da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Un total de 118 persoas formadas baixo esta modalidade están chamadas á realización da proba presencial, que terá lugar na aula CeMIT do Edificio Cersia de Santiago de Compostela en diferentes quendas e de acordo coa convocatoria que pode consultarse na web do CeMIT (http://cemit.xunta.es)

Todas aquelas persoas que superen as devanditas probas obterán a certificación expedida pola Amtega, que acreditará que a persoa titular adquiriu as capacidades, as destrezas e os coñecementos globais en ofimática que compoñen o Plan Formativo Ofimática de Galicia, tal e como se recolle no Decreto 218/2011 que regula a citada certificación.

Cursos para a cidadanía a partir de setembro
Unha vez acreditados os formadores das aulas convocaranse cursos e probas presenciais abertas á cidadanía para que poidan acceder á formación do Plan Ofimática e ás probas de acreditación do CODIX desde a Rede CeMIT, que incluirá no seu plan de formación as actividades que compoñen o Plan Formativo Ofimática de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade.

Os usuarios da Rede poderán acceder a partir de setembro a esta formación a través de tres modalidades, de xeito presencial, dentro da programación propia de cada unha das aulas CeMIT; a distancia, a través da plataforma de teleformación do portal CeMIT, EMA, onde se habilitarán quendas titorizadas en datas por determinar; ou a través da modalidade de autoformación para que poida ser realizada polas persoas interesadas, de forma independente mediante unha aprendizaxe autónoma ou ben a través doutros centros ou entidades de formación.

Cómpre recordar que os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas prácticas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia, recentemente publicada e concretamente na súa modalidade de Software Libre, é dicir, GNU/Linux e LibreOffice

A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado. A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.