A rede CeMIT inicia a retransmisión de seminarios do centro de novas tecnoloxías de Galicia
Esta nova colaboración entre ambas entidades arranca o 7 de abril coa difusión da xornada “Enfoques metodolóxicos para a xestión de proxectos: comparativa PMI, PRINCE2 e ISO 21500”.
Este seminario poderá ser seguido nas aulas CeMIT de Abegondo, A Cañiza, Celanova, Cuntis, Oroso, Pontevedra, Tomiño, San Sadurniño e Vigo.
Amplíase así a difusión das actividades ás persoas interesadas, independentemente do lugar onde vivan.
A rede CeMIT e o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) colaboran para ampliar a difusión das súas actividades. As aulas da rede CeMIT, emitirán a través do seu sistema de videoconferencia seminarios técnicos, que o CNTG vén celebrando en Santiago de Compostela, a todas aquelas aulas CeMIT que estean interesadas en participar.
Desta maneira, descentralízanse actividades e amplíase a posibilidade de acceso a todas aquelas persoas interesadas independentemente do lugar no que residan, evitando así desprazamentos ou imposibilidades de asistencia debido a distancias físicas.
O acceso a estes seminarios realízase cunha inscrición previa a través do portal web do CNTG http://cntg.xunta.es ou da web http://cemit.xunta.es, no caso de que vaia seguilo a través de videoconferencia. Os seminarios son de balde condicionados ao aforo do local. O CNTG enviará un certificado por correo postal a todas as persoas que completen a súa asistencia.
O primeiro seminario, o 7 de abril
O primeiro destes seminarios “Enfoques metodolóxicos para a xestión de proxectos: comparativa PMI, PRINCE2 e ISO 21500” terá lugar o próximo 7 de abril, en horario de 09:30 a 13:30 horas e poderá ser seguido nas aulas CeMIT de Abegondo, A Cañiza, Celanova, Cuntis, Oroso, O Vicedo, Pontevedra, Tomiño, San Sadurniño e Vigo.
Na xornada presentaranse os diferentes enfoques metodolóxicos existentes para a xestión de proxectos. Explicaranse as principais características de cada un deles a través dunha comparativa sobre o ámbito de aplicabilidade das distintas referencias (guía de PMBOK, Prince2 e a ISO 21500) amosando aos/ás asistentes como utilizalas nas diferentes tipoloxías do ciclo de vida dos proxectos: predictivo, iterativo e adaptativo ou áxil.
O relator da xornada será Alfred Maeso, Lead Expert en xestión de proxectos e Business Analysis na empresa Netmind con máis de 10 anos de experiencia en xestión de proxectos, consultoría e servizos TI para diferentes organizacións. Alfred é licenciado en enxeñería de telecomunicacións e está certificado como PMP, MSP, PRINCE2, CBAP (Certified Business Analysis Professional), BAA (Business Analyst Associate), MoP e ITIL Expert.
Próximos seminarios previstos
Dentro da planificación de actividades do CNTG está previsto celebrar na primeira quincena de maio outros 3 novos seminarios que se ofertarán ás aulas CeMIT interesadas en participar:
• 5 de maio: Tendencias Lean Kanba para a mellora de xestión de proxectos e servizos IT
• 7 de maio: Administración avanzada de MySQL
• 12 de maio: Seminario versado en PHP
O CNTG, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, é un referente tecnolóxico en Galicia que inclúe entre as súas competencias diversas liñas de actuación que abranguen aspectos formativos, divulgativos ou sensibilizadores sobre o uso, coñecemento e dominio dos diferentes medios ou ferramentas tecnolóxicas dirixidas a optimizar a planificación, xestión e desenvolvemento de proxectos.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información. A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.