A Rede CeMit facilita o encontro dos nenos galegos con Papá Noel a través de videoconferencia

Xoves 06 de Decembro de 2012

A Rede CeMit facilita o encontro dos nenos galegos con Papá Noel a través de videoconferencia

Máis de 1.000 rapaces de 25 concellos galegos participarán nesta iniciativa entre o 12 e o 19 de decembro desde as aulas CeMIT dos seus municipios

Máis de 1.000 rapaces de 25 centros educativos das catro provincias poderán falar con Papá Noel a través de videoconferencia grazas a unha iniciativa da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) que se desenvolverá entre o 12 e o 19 de decembro.

Un ano máis a Rede CeMit aproveita estas datas para brindar aos nenos de diversas localidades a oportunidade de manter unha videoconferencia con Papá Noel na que poderán pedirlle os seus regalos de Nadal. Este intercambio de mensaxes comezará o luns 12 de decembro con escolares de Celanova, Vilagarcía e Noia, que serán os primeiros en poder falar con Papa Noel en tempo real desde as aulas Cemit destas vilas.

Por toda Galicia

Ata o día 19 Papá Noel estará, a través de videoconferencia, cos nenos e nenas de Celanova, Vilagarcía, Ponteareas, Muros, Ourense, Santa Comba, A Cañiza, Ortigueira, Betanzos, Marín, A Fonsagrada, Vimianzo, Quiroga, O Barco, Abegondo, Negreira, Fisterra, Verín, Foz, Pontedeume, A Estrada, Ferrol, Noia, Becerreá e Barreiros desde as aulas CeMit destes municipios aos que se sumarán outros centros nos vindeiros días.

Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel o alumnado do Centro de Educación Especial Miño de Ourense ou o Centro Pai Menni de persoas con discapacidade de Betanzos.

Con este tipo de experiencias, a Rede CeMIT da Xunta de Galicia busca converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen, acurtando distancias e facendo posible a comunicación entre diversas localidades nun mesmo proxecto común.

A Rede CeMIt

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.