A Rede CeMIT da Xunta lanza a nova versión da súa páxina web que simplifica o acceso á información das súas actividades e incorpora servizos online para os usuarios

Domingo 20 de Maio de 2012

A Rede CeMIT da Xunta lanza a nova versión da súa páxina web que simplifica o acceso á información das súas actividades e incorpora servizos online para os usuarios

Desde esta semana a solicitude de alta e a reserva de prazas poden realizarse a través de http://cemit.xunta.es

Os usuarios da Rede tamén poderán ver o seu historial académico e cumprimentar as enquisas de satisfacción sobre as actividades a través da web

A Rede CeMIT está integrada por 98 aulas presentes en 92 concellos e ten como obxectivo promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, especialmente entre os colectivos máis afectados pola fenda dixital

Conta cun Plan de Formación que ofrece este ano un total de 3.000 cursos gratuítos

A Rede de Aulas para a  Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT) da Xunta conta desde esta semana web renovada que simplifica o acceso a toda a información relacionada coas actividades dos seus 98 centros e incorpora novos servizos, que facilitan os trámites online aos usuarios.

O novo portal da Rede Cemit permite aos cidadáns solicitar a súa alta como usuarios online, e reservar praza nas distintas actividades programadas, chegándolle a confirmación da matrícula vía email. Outra das novidades é que os usuarios da Rede poderán ver o seu historial académico e cumprimentar as enquisas de satisfacción asociadas ás actividades nas que participaron a través da web.

Ademais, as melloras no portal permiten unha actualización a tempo real das actividades programadas dentro das aulas da Rede. Con esta novidades alcánzase unha automatización dos procesos de xestión e un maior achegamento a toda a cidadanía.

Rede CeMIT

A Rede CeMIT, está integrada por 98 aulas presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.