A Rede CeMIT da Xunta impulsará a formación en novas tecnoloxías entre a cidadanía, os profesionais e as empresas
Os Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica posibilitan o acceso igualitario á alfabetización dixital e contribúen á vertebración territorial e social de Galicia.
Máis de 13.000 persoas se beneficiarán dos preto de 2.000 cursos de catorce categorías temáticas diferentes que se impartirán nestas aulas durante 2010.
Os telecentros da Rede contan cun equipamento tecnolóxico multimedia avanzado que permitirá realizar actividades orientadas á comunicación, a través de videoconferencias e traballo colaborativo en rede.
O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia da Consellería de Traballo e Benestar colaborará ofrecendo formación técnica de alto nivel en materia TIC.
Xunta de Galicia pon en marcha a Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) coa finalidade de coordinar as actuacións das distintas aulas públicas de acceso a Internet dependentes da Comunidade Autónoma dirixidas á alfabetización dixital e ao desenvolvemento da sociedade de información, en colaboración co Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG).
Os obxectivos da Rede, integrada por 60 aulas dependentes da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, 56 telecentros da Secretaría Xeral de Medios e o CNTG, da Consellería de Traballo e Benestar, son promover o uso das novas tecnoloxías na poboación, en especial naqueles colectivos onde a fenda dixital se fai máis evidente; fomentar a formación entre os profesionais galegos para que sexan capaces de dar resposta ás necesidades, retos e proxectos dos diversos sectores do tecido produtivo relacionados coas TIC; proporcionar plans formativos adecuados ás novas demandas tecnolóxicas, multimedia e audiovisuais; dinamizar as pemes e micropemes, amosándolles as vantaxes da de fomentar o uso das TIC no tecido empresarial e divulgar e capacitar os servizos da Administración Electrónica.
Este proxecto enmárcase na política de aproveitamento das sinerxias existentes que está a desenvolver a Xunta de Galicia e queda patente a predisposición e a profesionalidade do persoal integrante dos distintos departamentos implicados, co único fin de ofrecer á cidadanía servizos máis eficientes, de calidade e enmarcados nunha estratexia coherente e transversal.
Modelo de adhesión dos concellos
Os municipios interesados en incorporarse á Rede CeMIT, deberán dispoñer dun local que cumpra os requisitos técnicos precisos e contratarán ao axente TIC que se ocupará de desenvolver as actividades do centro, achegando a Administración autonómica o 80% do seu custe laboral. Ademais, a Xunta tamén se ocupará de dotar de equipamento informático ao centro e do mantemento técnico do mesmo.
Plan de Alfabetización
A través do Plan de Alfabetización Dixital da Rede, presentado hoxe, impartiranse máis de 2.000 cursos repartidos en 14 categorías temáticas, o que suporá máis de 15.000 horas de formación dos que se beneficiarán arredor de 13.000 persoas. Estas actividades formativas intentan dar cobertura ás necesidades detectadas na maior parte dos colectivos, facendo especial fincapé naqueles con máis dificultades para acceder ás novas tecnoloxías. Con este obxectivo realizaranse durante este ano uns 1.200 cursos de alfabetización dixital, o que supón máis do 60% da formación impartida pola Rede. Tamén se desenvolverán diferentes accións especializadas e de carácter técnico para os profesionais TIC galegos, ocupados ou en busca de emprego. Algúns destes cursos, que suman arredor de 3.000 horas lectivas, incorporan certificación oficial ao seu remate.
Os diferentes servizos teñen como público obxectivo cinco colectivos: a cidadanía, na que se inclúen os desempregados, maiores, inmigrantes, mulleres e persoas con discapacidade; os profesionais das TIC, tanto ocupados como desempregados; as empresas, micropemes e autónomos; os empregados públicos; e os axentes territoriais, colectivo que agrupa aos servizos municipais, asociacións civís, empresariais, Ongs, Anpas etc
Áreas formativas
Os usuarios da Rede CeMIT poderán mellorar as súas habilidades na área de novas tecnoloxías en temas como a orientación laboral, as redes sociais, o comercio e banca, ocio e servizos da rede, a Administración Electrónica, a xestión de empresas, equipamento TIC e conectividade, ofimática, seguridade TIC, alfabetización dixital, multimedia e audiovisual, comunicacións TIC, deseño gráfico e tratamento de imaxes e formación TIC avanzada.
No marco destas actividades, os telecentros da Rede CeMIT ofrecerán cursos coa posibilidade de emisión a través da TDT, con temáticas como a creación de webs para dispositivos móbiles, creación de videoxogos e cursos de streaming de audio e vídeo; formación de estratexias de marketing en Internet e de xestión de contidos. Todas estas actividades estarán dispoñibles mediante cápsulas de vídeo en alta calidade (HD) en Internet, unha vez rematen nas aulas da Rede CeMIT, nunha nova plataforma de vídeos de formación na que está a traballar a Secretaría Xeral de Medios.
A oferta de servizos da Rede comprende tres áreas, a formativa que pode ser presencial (cursos e obradoiros) ou on-line (básica ou multimedia); de difusión con charlas e xornadas de sensibilización e divulgación das actuacións dos centros; e o servizo de “aula aberta”, que posibilitará o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento dos centros co apoio e asesoramento dos dinamizadores.
Á marxe das actividades e das actuacións sinaladas, a nova Rede tamén desenvolverá outras iniciativas que os axentes TIC e os concellos decidan poñer en marcha ante unha demanda existente ou a percepción de certas necesidades formativas dun colectivo determinado. Nesta mesma liña están os proxectos ou colaboracións con outros organismos ou entidades tanto asociacións de carácter social, cultural, Ongs, servizos públicos sociais ou da propia Administración.
Equipamento da Rede
Para a realización das actividades que conforman a carta de servizos todos os centros da nova Rede están dotados de equipamento básico como ordenadores, conexión a Internet, Wi-Fi, impresoras, escáner, webcam, proxector, lectores DNIe, etc.
De maneira adicional a esta infraestrutura básica, algúns centros dispoñen dun equipamento avanzado, composto por un sistema de videoconferencia e por equipamento audiovisual e multimedia, que permite realizar actividades en formato presencial e telepresencial.
A nova Rede tamén poderá beneficiarse da Sala de Traballo colaborativo do Centro Multimedia de Galicia, dotada de tecnoloxías Access Grid que permiten soportar reunións distribuídas a grande escala, charlas, titorías e training. Cóntase, ademais, con dúas aulas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, equipadas con ordenadores e acceso Wi-Fi a Internet, e que dispoñen tamén dun soporte audiovisual fixo ou móbil como apoio ás actividades que incorporan videoconferencia.