A rede CeMIT da Xunta de Galicia pon a disposición dos seus usuarios o novo “espazo multimedia de aprendizaxe” (EMA) a través da súa páxina web e estrea 9 cursos de capacitación dixital en liña
A pasada semana a Xunta de Galicia lanzou a última versión da páxina Web CeMIT, na que se introduce o novo “Espazo Multimedia de Aprendizaxe”. A partir de agora, a cidadanía, ademais de ter acceso a toda a información relacionada coas actividades formativas e servizos que se están a desenvolver na rede, tamén poderán acceder aos 9 cursos de teleformación sobre diferentes categorías temáticas de forma rápida e sinxela.
Os novos cursos en liña, lanzados no eido da alfabetización dixital, estarán abertos todo o ano, polo que non é necesaria a matriculación ou reserva de praza antes da realización do curso. Desta forma bastará con entrar no “Espaxo Multimedia de Aprendizaxe” a partir dos enlaces destacados ou do apartado de teleformación da web CeMIT (http://cemit.xunta.es/teleformacion), identificarse como usuario da rede CeMIT e, unha vez dentro, premer no curso desexado para acceder aos seus contidos e poder comezar a formación.
Na web CeMIT xúntanse pequenos tutoriais nos que se explica, de forma breve, como se realiza o proceso de inscrición como usuario na rede CeMIT e a utilización do “Espazo Multimedia de Aprendizaxe”.
Para poder acceder aos cursos de formación en liña simplemente é preciso, rexistrarse como usuario da Rede CeMIT e ter un punto de conexión a Internet. Estes novos cursos formarán aos usuarios e usuarias na utilización de recursos, ferramentas e programas informáticos e abordarán diferentes temáticas relacionados coas novas tecnoloxías.
A continuación, presentase o catálogo de cursos en liña dispoñible:
Como manexar os nosos datos persoais. Lei orgánica de protección de datos.
Prevención de Riscos Laborais no Uso das TIC.
GIMP. Unha ferramenta en software libre para o deseño dixital.
Audacity: edición de son en software libre.
Openshot: unha ferramenta en software libre para a edición de vídeo.
Klavaro. Unha ferramenta para mellorar a mecanografía.
AbanQ: Xestión empresarial.
Elaboración de carteis e folletos: Scribus, Inkscape.
Xogos de adestramento mental: Gbrainy, Pezas e mini-aplicacións.
Con este novo servizo, a Rede CeMIT da Xunta de Galicia consolídase como un instrumento fundamental para o desenvolvemento das iniciativas de difusión e achegamento dos cidadáns ás novas tecnoloxías e á sociedade da información. Un dos obxectivos fundamentais da Rede CeMIT é titorizar á cidadanía con maiores dificultades e proporcionarlles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á aula máis próxima, ou ben á páxina Web www.cemit.xunta.es