A rede CeMIT celebrará máis de 130 obradoiros sobre novas tecnoloxías en toda Galicia durante o mes de abril

Xoves 01 de Abril de 2010

A rede CeMIT celebrará máis de 130 obradoiros sobre novas tecnoloxías en toda Galicia durante o mes de abril

Estas actividades enmárcanse nas medidas para favorecer a alfabetización dixital e o desenvolvemento da sociedade da información.

Todos os centros acollerán sesións formativas para o fomento do emprego do DNI electrónico.

Talleres sobre como realizar un blog, solicitar unha cita médica por Internet ou xogos educativos na rede integran a oferta formativa das vindeiras semanas.

A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, en colaboración cos diversos concellos nos que está presente, celebrará máis de 130 obradoiros de diversa temática relacionada coas novas tecnoloxías e charlas formativas sobre o DNI electrónico.

A Xunta de Galicia, a través da Rede CeMIT, colaborou coa Secretaría de Estado de Telecomunicaciones y para la Sociedad de la Información na posta en marcha dun plan de actuación para o fomento do uso do DNI electrónico entre a cidadanía galega. Con este obxectivo durante o mes de marzo desenvolvéronse numerosas actuacións, entre elas, sesións de capacitación para os dinamizadores e dinamizadoras da Rede CeMIT puideran impartir obradoiros sobre o uso do DNI electrónico nos diferentes concellos onde están a desenvolver a súa labor e así estender o plan de difusión e uso do DNIe a toda a xeografía galega.

Froito desta colaboración, todos os Centros da Rede CeMIT acollerán durante o mes de abril charlas formativas ou obradoiros, eminentemente prácticos, sobre o emprego do DNI electrónico, nos que se mostrará á cidadanía galega como empregar o novo Documento Nacional de Identidade en múltiples xestións a través de Internet coa Administración Pública, empresas e outros cidadáns de forma segura, cómoda, áxil e sen desprazarse da casa.

Obradoiros
O programa de actividades da Rede CeMIT para o mes de abril inclúe os sempre solicitados obradoiros de “Iniciación á Informática” e “Iniciación a Internet”. No primeiro, os asistentes poderán aprender a manexar con certa soltura os obxectos (arquivos, cartafoles, ferramentas ...) e funcionalidades básicas que ofrece un computador. Os participantes na actividade de “Iniciación a Internet” aprenderán a utilizar, de forma básica, aplicacións e ferramentas fundamentais relacionadas coa rede. Os CeMIT de Teo, Sanxenxo, Vilagarcía, A Bola, O Vicedo, Salceda de Caselas Poio ou O Porriño, entre outros, acollerán estos obradoiros, moi importantes para favorecer a alfabetización dixital.

Os usuarios e usuarias dos CeMIT de Moaña, Boiro, A Guarda ou Vilasantar poderán participar no obradoiro “Blog, participa en Internet” para crear e manter os seus propios blogs. Pola súa parte, os CeMIT de Mondoñedo, Monforte de Lemos e A Guarda celebrarán un obradoiro de “Solicitude de cita médica en Internet” onde os asistentes poderán solicitar ou anular citas médicas co SERGAS sen necesidade de desprazarse ao seu centro de saúde. Os CeMIT de Porto do Son e Riotorto, acollerán o obradoiro “Xogos educativos en Internet”, onde os participantes coñecerán xogos educativos que axudan a exercitar a memoria ou mellorar o coñecemento.

Os CeMIT de Tomiño, Carballo, Sada e O Barco de Valdeorras acollerán o obradoiro “Creación dunha conta de correo electrónico” onde os participantes aprenderán a crear e xestionar a súa propia conta de correo electrónico. Outro dos talleres que se impartirán nos CeMITs como os de Xunqueira de Ambía, Boborás ou Valga será o de “Presentacións co Impress”, co que se pretende capacitar aos participantes no programa libre de Open Office Impress para elaboración de presentacións multimedia.

O programa de actividades da Rede CeMIT en abril complétase con iniciativas como “Olladas Cativas” no concello de Pontevedra ou “Muller xitana, sentindo e motivando na realidade e integración socio-laboral” no Concello de Culleredo. O primeiro está orientado aos nenos e nenas de Pontevedra e consiste na creación dun periódico dixital onde os máis pequenos relatan as actividades culturais do concello de Pontevedra. “Muller xitana, sentido e motivando na realidade e integración socio-laboral” destinada as mulleres deste colectivo en risco de inclusión e inclúe a celebración de varios obradoiros de alfabetización dixital e procura de información de interés para estas mulleres: formación, traballo etc.

Talleres de fotografía, mecanografía, edición de imaxes, procura de emprego por Internet, organización de viaxes ou busca de receitas de cociña en Internet son outras das alternativas que contempla a grande variedade formativa que ofrece a Rede CeMIT en varios dos seus centros durante o mes de abril.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre actividades da Rede CeMIT en todos os seus centros, chamar ao teléfono 881.999.120 ou enviar un correo electrónico ao enderezo,info@dinamiza.fundacioncalidade.org.

Sobre a Rede CeMIT
A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT) créase co obxectivo de coordinar as actuacións das distintas aulas públicas de acceso a Internet dependentes da Comunidade para favorecer a alfabetización dixital e o desenvolvemento da sociedade da información.

Tanto os 60 centros da Rede de Dinamización da Sociedade da Información (RDSI) como os 56 telecentros da Rede de Telecentros de Comunicación (RTC), actualmente existentes, se crearon para achegar as novas tecnoloxías á poboación, facilitar a inclusión dos colectivos menos favorecidos e impulsar o uso das TIC nas pemes e micropemes. Ademais, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) da Consellería de Traballo e Benestar ofrece aos profesionais do sector privado, ocupados ou en busca de emprego, formación técnica de alto nivel relacionada co mundo das novas tecnoloxías.

Neste contexto e ante a inexistencia dun elemento que vertebre as iniciativas existentes e integre os axentes implicados cunha estratexia clara e definida, facíase necesario un modelo único que coordinase as distintas actuacións levadas a cabo polos centros da RDSI e da RTC en materia de alfabetización dixital e desenvolvemento da sociedade da información, e permitise o aproveitamento do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia como referente na formación das novas tecnoloxías de alto nivel baixo as premisas de eficiencia e calidade.

Cómpre definir e desenvolver a Rede CeMIT cunha imaxe de marca propia, en que participen todas as administracións afectadas e que sirva como elemento xerador de crecemento e desenvolvemento económico no marco das directrices da Estratexia Galega da Sociedade da Información. Tamén se concibe como un instrumento que permita vertebrar territorial e socialmente Galicia a través da creación de condicións de acceso igualitario ás novas tecnoloxías.