A rede CeMIT celebrará catro obradoiros na comarca de Lemos durante o mes de marzo

Venres 12 de Marzo de 2010

A rede CeMIT celebrará catro obradoiros na comarca de Lemos durante o mes de marzo

Os concellos do Saviñao e A Pobra do Brollón acollerán actividades sobre coñecemento de Internet e manexo de ordenador nos vindeiros quince días.

A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, en colaboración co Centro Comarcal Terra de Lemos, celebrará catro obradoiros durante o mes de marzo, dous deles no Concello do Saviñao e outros tantos no municipio da Pobra do Brollón.

A Aula da Biblioteca Pública do Concello do Saviñao acollerá desde o luns 15 e ata o xoves 18 de marzo o obradoiro “Recursos de interese na internet”, co que se darán a coñecer ao usuario os distintos servizos e recursos que se poden atopar na Internet e comprender a súa utilidade na vida cotiá. O horario desta actividade é de 18:30 a 20:00 horas. Entre o 22 e o 26 de marzo celebrarase o obradoiro “Mensaxería instantánea”, no que se formará aos asistentes na utilización de diferentes programas para comunicarse en tempo real empregando unha conversa escrita. O horario será tamén de 18:30 a 20:00 horas.

O Telecentro do Concello da Pobra do Brollón celebrará entre o luns 15 e o xoves 18 de marzo de 16:00 a 17:30 horas o obradoiro “Manexo do rato e o teclado” para a formación na identificación e coñecemento das funcións das teclas máis importantes do teclado así como no manexo do rato. Na semana seguinte, desde o luns 22 e ata o venres 26 de marzo os usuarios do Telecentro poderán participar no obradoiro “Mecanografía” para aprender a escribir correctamente no teclado do computador. O horario será tamén de 16:00 a 17:30 horas.

A Rede CeMIT da Xunta de Galicia, enmarcada na Estratexia Galega para a Sociedade da Información, ten entre os seus principais obxectivos titorizar á cidadanía con maiores dificultades e proporcionarlles os medios e ferramentas necesarios para poder integrar as novas tecnoloxías na súa vida cotiá.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as súas actividades poden dirixirse ao Centro Comarcal Terra de Lemos, sito na Estrada N-120, km 519 de Monforte de Lemos, chamar aos teléfonos 982.416.046/626.204.030, ou mandar un correo electrónico ao enderezo monica.monforte@dinamiza.fundacioncalidade.org.

Contacto:
Mónica Gamallo Torres
Dinamizadora da Sociedade da Información