A primeira xornada do Proxecto Stamar achega ás PEMES pesqueiras solucións tecnolóxicas para mellorar a súa competitividade
Celebrarase o vindeiro 6 de maio no Centro Demostrador TIC de 10.00 a 15.30 horas.
Os interesados poden inscribirse no 981 555 291 ou a través do correo electrónico stamar-xornadas@xunta.es
Stamar é un proxecto europeo, liderado por Galicia, que ten como obxectivo que as pemes do sector marítimo coñezan as innovacións tecnolóxicas máis relevantes.
A iniciativa está encabezada pola Amtega e conta coa participación como socio da GAIN, ademais de 7 entidades de Francia, Reino Unido, Irlanda e Portugal
A presentación de solucións tecnolóxicas relacionadas coa xestión pesqueira será o obxectivo da xornada que acollerá o vindeiro mércores, 6 de maio, o Centro Demostrador TIC (CDTIC) de Galicia. Trátase da primeira das demostracións tecnolóxicas que se desenvolverán no marco do proxecto europeo Stamar, liderado pola Xunta, a través da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), coa participación como socio da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e de 7 entidades de referencia no eido da transferencia tecnolóxica, a innovación e a economía marítima de Francia, Reino Unido, Irlanda e Portugal.
Neste primeiro encontro, que se desenvolverá de 10.00 a 15.30 horas, presentarase o catálogo BAT (Best Avaliable Technologies), unha preselección rexional das mellores tecnoloxías, que será posta a disposición das empresas do sector e demais axentes implicados. Os interesados poden inscribirse no 981 555 291 ou a través do correo electrónico stamar-xornadas@xunta.es dado que o aforo será limitado.
Stamar
O proxecto Stamar ten como obxectivo contribuír a mellorar a competitividade e a capacidade de innovación das pemes do sector marítimo do Espazo Atlántico, favorecendo os procesos de transferencia tecnolóxica a través da creación dun centro transnacional demostrador das capacidades e tecnoloxías aplicables á industria marítima.
Préstase especial atención a aquelas tecnoloxías que favorecen o desenvolvemento económico e comercial preservando a biodiversidade e facilitando un desenvolvemento sostible co medio ambiente
Centro Demostrador TIC
Unha parte fundamental do proxecto é o Centro Demostrador TIC de Galicia (CDTIC) que será o modelo de referencia a seguir polo resto das rexións participantes a modo de escaparate tecnolóxico e referencia no impulso e uso das Tics nos sectores produtivos a través principalmente da asesoría, capacitación e formación tecnolóxica.
Localizado no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, a Amtega puxo en marcha o CDTIC fai tres anos consolidándose xa como o escaparate tecnolóxico de Galicia grazas ás súas actividades de impulso e difusión das Tics nos sectores produtivos galegos.