A primeira edición do Plan Renove de equipos de climatización de economía e industria posibilitou un investimento asociado de 3,5 millóns de euros

Domingo 15 de Agosto de 2010

A primeira edición do Plan Renove de equipos de climatización de economía e industria posibilitou un investimento asociado de 3,5 millóns de euros

A través desta campaña desenvolta polo Instituto Enerxético de Galicia, adscrito ao departamento que dirixe Javier Guerra, incentivouse a substitución de equipos de potencia igual ou inferior a 70 kW por equipos de alta eficiencia enerxética (caldeiras de condensación, equipos de aire acondicionado e bombas de calor)

Esta actuación de aforro e eficiencia nos fogares galegos, que se enmarca dentro da aposta global da Xunta de Galicia polo aforro e a eficiencia enerxética, tivo 1.400 beneficiarios e permitiu obter un aforro en enerxía primaria de preto de 4.000 MWh, un aforro económico cuantificado superior aos 600.000 euros anuais, así como evitar a emisión de 1.400 toneladas de CO2 á atmosfera

O primeiro Plan Renove de Equipos de Climatización que a Consellería de Economía e Industria desenvolveu, a través do Instituto Enerxético de Galicia, que vén de pecharse, alcanzou a cifra de 1.400 solicitudes, e posibilitou un investimento asociado en torno aos 3,5 millóns de euros. Ademais a través desta campaña de aforro e eficiencia enerxética nos fogares galegos, á que se destinou un orzamento de 1 millón de euros, xerouse un aforro en enerxía primaria estimado en case 4.000 MWh, o que supón evitar a emisión de 1.400 toneladas de CO2 á atmosfera e un aforro económico cuantificado nuns 600.000 euros anuais.

O director do Inega, Eliseo Diéguez, subliñou “a boa acollida que teñen este tipo de campañas de incentivación do aforro e da eficiencia enerxética nos distintos sectores económicos galegos, feito que proba que a cidadanía vai tomando conciencia respecto destas cuestións e incidiu no esforzo que desde o Inega estamos a facer para conseguir validar no menor tempo posible as solicitudes”.

O Plan Renove de Equipos de Climatización é unha liña de axudas dirixida a reducir o consumo das instalacións térmicas de calefacción, climatización e produción da auga quente sanitaria, a través da substitución de equipos convencionais por equipos de alta eficiencia enerxética: caldeiras de condensación, equipos de climatización clase A e bombas de calor de clase A.

Subvencións de ata o 30%
A través deste Plan, que se enmarca dentro da aposta global da Xunta de Galicia polo aforro e a eficiencia enerxética, incentivouse a substitución de equipos de potencia igual ou inferior a 70 kW por equipos de alta eficiencia enerxética (caldeiras de condensación, equipos de aire acondicionado e bombas de calor).

 A contía da subvención ascendeu a un máximo de 45 euros/kW da potencia nominal (en modo calefacción) da caldeira de condensación instalada co límite do 30% do seu custo. No caso de equipos de aire acondicionado e bombas de calor, a contía máxima da axuda será de 150 euros/kW térmico, co límite do 30% do prezo de tarifa dos equipos. Os aparatos antigos substituídos entregáronse aos xestores autorizados para o seu correcto tratamento como residuo voluminoso conforme á normativa vixente.

Beneficiarios
Puideron beneficiarse destas axudas toda persoa física ou xurídica de natureza pública ou privada residente en Galicia, usufrutuarios ou arrendatarios de vivendas, edificios de vivendas ou edificios destinados a outros usos, que estivesen localizados en Galicia.