A práctica totalidade dos decanatos e os xulgados galegos poden rexistrar e tramitar con normalidade os documentos coa nova aplicación informática implantada onte

Mércores 05 de Maio de 2010

A práctica totalidade dos decanatos e os xulgados galegos poden rexistrar e tramitar con normalidade os documentos coa nova aplicación informática implantada onte

A migración da aplicación informática realizouse de forma programada e en estreita coordinación co Ministerio de Xustiza e co Consello Xeral do Poder Xudicial.

Os técnicos da Xunta solventaron onte seis dos sete tipos de incidencias rexistradas e hoxe quedarán corrixidos os erros detectados nuns documentos remitidos polo Ministerio de Xustiza.

Durante a mañá de hoxe as chamadas recibidas no soporte especial habilitado para esta operación referíanse a dúbidas sobre o uso da nova aplicación.

Este trámite é imprescindible para poder avanzar na reforma xudicial e afecta a todas comunidades que empregan o sistema Minerva.

A práctica totalidade dos decanatos e xulgados galegos poden rexistrar e tramitar os documentos coa aplicación Minerva NOX que entrou en funcionamento o martes. O equipo técnico da Xunta resolveu onte seis dos sete tipos de incidencias rexistradas e hoxe quedarán corrixidos os erros detectados nuns documentos remitidos polo Ministerio de Xustiza, que carecían de encabezado.

As chamadas recibidas hoxe no soporte especial habilitado para a resolución de incidencias, referíronse a dúbidas no uso da nova aplicacións. No día de onte, o primeiro da implantación do Minerva NOX, as incidencias foron resoltas entre a mañá e a tarde, quedando pendente a corrección das cabeceiras duns documentos de orde civil e penal remitidos polo Ministerio de Xustiza. Os técnicos da Administración autonómica están corrixindo estes erros e prevén que o tema quede resolto hoxe. Agora quedan pendentes incidencias puntuais, que se solucionarán ao longo destes días.

Trámite imprescindible
A migración da aplicación informática Minerva á nova versión Minerva NOX, que rexistra todos os documentos do expediente xudicial, é o primeiro paso do proceso para posta en marcha da Nova Oficina Xudicial que entrou onte en vigor. A modificación deste sistema é un trámite imprescindible para poder avanzar na reforma xudicial e que todas as comunidades que empregan a aplicación Minerva están a realizar de forma programada e en estreita coordinación co Ministerio de Xustiza e co Consello Xeral do Poder Xudicial. De aí que os prazos de execución veñan marcados pola dispoñibilidade da nova versión do Minerva que tiña que subministrar o Ministerio.

A Administración autonómica, consciente da complexidade do proceso de cambio tanto por cuestións técnicas como polo número de instalacións no que se implantaba a aplicación de xeito simultáneo, puxo en marcha un dispositivo de soporte especial para notificar incidencias e resolvelas na maior brevidade posible. Grazas a este dispositivo, que estará operativo durante toda a semana, se están a resolver todas as incidencias no menor tempo posible.

O cambio de aplicación iniciouse o pasado venres e está operativo desde o martes a primeira hora, segundo o prazo previsto e programado pola Administración autonómica. O Ministerio de Xustiza, que é o departamento que subministra o sistema de xestión procesual á Comunidade, remitiu á Xunta a versión instalable do Minerva NOX o mércores, 28 de abril.

Ao día seguinte, xoves 29 de abril, a Administración galega notificoulles aos secretarios xudiciais a migración da aplicación informática Minerva e trasladouse este aviso a través da intranet aos funcionarios xudiciais. No caso dos xulgados de garda, os técnicos informaron de forma presencial sobre o paso do Minerva ao Minerva NOX e informaron dos procedementos transitorios habilitados para evitar a paralización da actividade xudicial.

Mecanismo transitorio
A Xunta habilitou un dispositivo técnico para abordar a migración das 50 instalacións xudiciais que pola súa complexidade se prolongou durante a fin de semana e desde hoxe ás 8:00 da mañá está operativo, segundo o previsto. Como mecanismo transitorio e para evitar a paralización da actividade xudicial, facilitóuselles aos traballadores dos xulgados unhas plantillas de documentos que estiveron dispoñibles desde o mesmo luns para que despois as incorporaran ao novo sistema e para evitar a paralización da actividade xudicial. Só se interrompeu o uso do Minerva, o resto das aplicacións informáticas estaban dispoñibles e o cambio no sistema non supuxo a cancelación de ningún xuízo.

Formación
Nun esforzo sen precedentes, a Administración autonómica organizou cursos para 2700 funcionarios de xustiza de Galicia para que poidan afrontar os cambios lexislativos que entraron onte en vigor. Estes cursos están chegando ao 100% dos funcionarios que prestan os seus servizos nos xulgados e tribunais afectados polas reformas e estanse desenvolvendo desde o mes de abril e continuarán en maio

A proposta formativa foi presentada na comisión paritaria de formación que tivo lugar o mes pasado coa participación das organizacións sindicais, que manifestaron a conveniencia do carácter obrigatorio desta formación.