A poboación galega supera en máis de 5 puntos á media estatal na obtención de información a través das webs institucionais
Galicia está a adiantar ao conxunto de Estado no grupo de idade de 16 a 24 anos en uso de ordenador e Internet e nas compras dos mozos a través da rede.
Un 42,3% dos fogares galegos teñen contratada a conexión a Internet e un 38,3% a través de banda larga.
Os temas relacionados coa educación e a saúde encabezan as procuras de información e un terzo de galegos emprega a banca electrónica.
Galicia é a terceira Comunidade Autónoma no uso da Administración Electrónica, por parte da poboación para obter información das páxinas web institucionais, superando a media estatal en 5,6 puntos e a quinta en descarga de formularios oficiais, 2,6 puntos máis que o conxunto do Estado. Así se desprende do informe “Estado da Sociedade da Información en Galicia 2009”, elaborado recentemente polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) en base aos datos do INE 2009.
Galicia está a adiantar ao conxunto de Estado no grupo de idade de 16 a 24 anos en uso de ordenador e Internet así como nas compras dos mozos a través da rede. A proporción de mozos que empregaron o ordenador nos últimos tres meses anteriores á realización da enquisa do INE foi do 95,4% en Galicia e do 93,7% para o conxunto do Estado. No tramo de idade de 16 a 24 anos, o 44,2% compraron algunha vez a través de Internet, superando a media estatal en 8,8 puntos. No tramo de idade de 25 a 34 anos, a vantaxe dos mozos galegos (48,1%) é de 5,1 puntos.
Uso da Rede
En canto ao uso de Internet, o 49,8% dos galegos empregou a rede nos tres últimos meses cun incremento do 16,6% nos últimos dous anos. Aínda así a media estatal supera en 10 puntos porcentuais á media galega. Un 42,3% dos fogares galegos teñen contratada a conexión a Internet e un 38,3% a través de banda larga, o que supón un incremento do 8,2% respecto a 2008.
Para facilitar o acceso de todos os galegos á unha infraestrutura de telecomunicación de calidade a Xunta de Galicia puxo en marcha o Plan de Banda Larga (PBL) 2010-2013, que prevé achegar a cobertura de banda larga ao 94% da poboación galega a través de redes fixas, inalámbricas e de nova xeración e o 6% restante mediante satélite. O PBL, que conta cun orzamento de 102 millóns de euros e prevé superar os 232 millóns de euros mobilizando capital privado e doutras administracións, ten como obxectivo conseguir a plena integración de Galicia na sociedade de información.
Servizos en Internet
Sobre o uso das TIC, no último ano observouse un importante incremento das compras en Internet nos últimos tres meses, rexistrándose un incremento de 3,8 puntos con respecto ao mesmo período de 2008. Aínda que o correo electrónico (85%) e a procura de información sobre bens e servizos (77,1%) seguen a ser as aplicacións máis populares entre os galegos, estanse a consolidar outras utilidades da rede como a lectura e descarga de xornais ou revistas en liña (65,6%), viaxes e aloxamento (54,8%) ou descarga de software (37%). Os temas relacionados coa educación e a saúde encabezan as procuras de información en internet e un terzo de galegos emprega a banca electrónica. En canto aos servizos de comunicación avanzada, un 51,6% dos internautas galegos envía mensaxes a chats, blogs e grupos de noticias ou foros de discusión en liña fronte ao 52,1% da media estatal.
Para fomentar a alfabetización dixital da sociedade galega a Xunta conta, entre outras ferramentas, coa Rede de Centros de Modernización e Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT), que coordina tanto os 60 centros da Rede de Dinamización da Sociedade da Información como os 56 telecentros da Rede de Telecentros de Comunicación. A Rede de Dinamización pasou dos 4.150 usuarios a finais do ano 2007 aos 27.848 ao remate de 2009. Durante o pasado ano realizáronse na Rede 1.997 obradoiros, 251 charlas e 10 xornadas. A evolución da actividade na Rede de Telecentros ao longo de 2009 foi notable, pasando dos 774 eventos no 2008 aos 1.427 no 2009, grazas ao programa “Comunícate”.
Empresas
A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis asalariados de Galicia dispoñen de ordenador (97,7%) e teñen contratada conexión a Internet (92,9%) e un 89,3% a través da banda larga. O 55,1% das empresas deste segmento con conexión á rede dispón dunha páxina web e o 54,8% emprega a sinatura dixital, superando en 2 puntos porcentuais a media estatal. Por outra banda, os datos demostran que a Comunidade está a adiantar ao resto do Estado na adopción de software libre. Un 10,1% das empresas de 10 e máis empregados utiliza o sistema operativo LINUX fronte ao 8,9% da media estatal, un indicador que experimentou un crecemento interanual do 23,2%.
Hai que salientar a existencia dunha fenda entre as empresas de 10 e máis empregados e as microempresas galegas, que representan o 95% do total. Estas últimas posúen niveis baixos de equipamento tecnolóxico e de presenza na rede. No 2009 un 57% das microempresas dispoñía de ordenador e un 46,7% con conexión a internet (un 43% a través de banda larga). O 19,5% destas empresas dispoñen de web fronte ao 21,9% da media estatal.
Educación e Sanidade
No ámbito da educación o número medio de alumnos por ordenador (6,3) nos centros educativos galegos evolucionou nos últimos anos ata acadar cifras converxentes coa media do Estado (6,1). A práctica totalidade dos centros públicos de ensino de Galicia (98,1%) dispoñen de conexión a Internet e un 75,7% acceden á rede a través da banda larga.
Na Sanidade, cómpre destacar o proxecto IANUS, unha iniciativa que fai realidade o concepto de Historia Clínica Electrónica única. No 2009 o número de historias clínicas dixitais situouse nos 2.775.971, multiplicando por 11 as rexistradas en 2005. Cómpre destacar o avance na implantación da imaxe médica dixitalizada que funciona no 90% dos estudos e unha porcentaxe de receita electrónica que acadou o 63,8%.