A plataforma web que agrupa a información cartográfica de Galicia rexistrou 75.000 accesos en apenas dous días de funcionamento

Domingo 20 de Maio de 2012

A plataforma web que agrupa a información cartográfica de Galicia rexistrou 75.000 accesos en apenas dous días de funcionamento

A Xunta puxo a disposición dos cidadáns por primeira vez toda a información cartográfica en formato accesible a través de internet o pasado mércores

O Instituto de Estudos do Territorio decidiu publicar máis de 20.000 mapas correspondentes a catro series cartográficas

Destaca a posta a disposición dos interesados de máis de 4.000 mapas do Voo Americano de 1956, onde se inclúe a toponimia actual

Esta plataforma incrementará a súa base de datos pouco a pouco, ao punto que se prevé aumentar con outros 20.000 mapas doutras catro series nos vindeiros meses

A plataforma web na que se recolle a información cartográfica de Galicia rexistrou 75.000 accesos en apenas dous días de funcionamento. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas activo este espazo o pasado mércores, 16 de maio a través do enlace http://visorgis.cmati.xunta.es/cdix/mapa.html.

A Xunta de Galicia, a través do Instituto de Estudos do Territorio, vén de facer máis accesible para os cidadáns a información cartográfica galega grazas á xeración e publicación de máis de 20.000 mapas correspondentes a catro series cartográficas de Galicia.

Trátase dunha iniciativa pioneira do Goberno galego, mediante a que xa se poden consultar e descargar en formato pdf a Base topográfica de Galicia, o Mapa de Usos do Solo do ano 2005, a ortofotografía do PNOA do ano 2009-2010 e a ortofotografía do Voo Americano do ano 1956, unha cartografía inétida que suporá, tras dous anos de traballo, máis de 4.000 mapas daquela época, coa toponimia actual.

A iniciativa supón un impulso á difusión simplificada con alta calidade a través dunha plataforma desenvolvida con software libre que permite facer buscas segundo as necesidades do usuario, xa sexa por unidades administrativas, por coordenadas xeográficas ou por referencia catastral, entre outras. Esta plataforma incrementará a súa base de datos pouco a pouco, ao punto que se prevé aumentar con outros 20.000 mapas nos vindeiros meses. As novas incorporación serán, entre outras, os produtos derivados da cobertura LiDAR, as novas ortofotografías, a actualización do Sistema de Información de Ocupación do Solo (SIOSE), o mapa forestal, e todas as derivadas dos estudos que se encomenden ao Instituto.