A Oficina Agraria Virtual rexistrou máis de trinta mil nacementos de gando bovino desde a súa posta en marcha

Martes 18 de Xaneiro de 2011

A Oficina Agraria Virtual rexistrou máis de trinta mil nacementos de gando bovino desde a súa posta en marcha

Os exemplares rexistrados son tamén de gando ovino e cabrún

O día 11 de xaneiro acadouse o record de altas, con 2.593 nacementos rexistrados

Esta Oficina permite ademais aos cidadáns realizar diversos trámites relacionados coa xestión das súas explotacións gandeiras

A posta en marcha da Oficina Agraria Virtual (OAV) por parte da Consellería do Medio Rural supón un importante avance nas relacións entre a Administración e os gandeiros. Este instrumento, en combinación co Servizo de Atención Telefónica á Cidadanía (012) que ofrece a Xunta de Galicia, serve de vehículo no desenvolvemento do sistema de identificación e rexistro dos bovinos, ovinos e cabrúns, ademais de permitir aos cidadáns realizar diversos trámites relacionadas coa xestión das súas explotacións gandeiras.

Dende a posta en marcha do servizo, o número de nacementos de gando bovino declarados a través da OAV foi de 32.846, sendo os titulares das explotacións da Coruña e Lugo os que maior número de nacementos declararon (13.151 e 15.697, respectivamente).

Os nacementos declarados aumentaron considerablemente no que vai de ano 2011, acadándose o día 11 o record de altas, con 2.593 animais rexistrados. Por zonas, a comarca veterinaria da Terra-Chá (Lugo) foi a que maior número de declaracións rexistrou neste período (1.309 en total).

Outras funcións

En relación con outras funcións que presenta a OAV, é de destacar que dende o comezo do seu funcionamento realizáronse 6.929 solicitudes de duplicados de marcas auriculares, coas que os gandeiros deben repoñer as marcas de identificación que os seus animais perderan. O maior número de solicitudes rexístrase na provincia de Lugo, con 4.171.

Ademais, a través da OAV os gandeiros poden cumprir facilmente as súas obrigas en relación coa comunicación dos movementos dos seus animais imposta pola normativa. Dende a implantación desta oficina virtual, foron declarados por esta vía 683 movementos de entrada de bovinos nas explotacións e 2.762 movementos de saída de animais desta mesma especie.

Traslado

O servizo establecido permite aos gandeiros tamén solicitar autorizacións de traslado de animais de calquera especie a través da OAV, sen necesidade de desprazarse persoalmente ás Oficinas Agrarias Comarcais.

Dende o comezo desta oficina, tramitáronse por esta vía 353 solicitudes de guías. A provincia que máis utilizou este servizo foi a da Coruña, con 200 peticións.

Entidades identificadoras

Os gandeiros que o desexen poden cumprir coas súas obrigas en materia de identificación animal solicitando o servizo das entidades identificadoras. No caso da identificación, as entidades actúan como depositarias das marcas de identificación dos gandeiros que as elixen e, tras o nacemento do animal, acoden á explotación correspondente para colocalas, para posteriormente declarar o nacemento na OAV.

Actualmente existen xa un total de 65 entidades autorizadas na Comunidade Autónoma de Galicia que ofrecen este servizo; a maioría delas están situadas nas provincias da Coruña (33) e Lugo (23).

Portelo

A oficina agraria virtual é un portelo de atención ao usuario en Internet. Dende este punto atópanse servizos orientados aos cidadáns tanto para consulta de datos de carácter persoal, como para a realización de trámites administrativos. Para acceder aos servizos persoais proporcionados dende este sitio é preciso posuír un usuario e un contrasinal proporcionado pola Consellería, ou no seu lugar ter un certificado dixital da Fábrica Nacional de Moneda y Timbre (FNMT) que o autentifique ante o sistema.

Os gandeiros poden acceder á Oficina Virtual na páxina web da Consellería do Medio Rural (www.mediorural.xunta.es). Tan só necesitan para realizar o trámite o número de DNI e o seu PIN. Poden, pois, identificar o gando dende calquera punto con conexión a internet, ou se o prefiren tamén comunicar os datos por teléfono chamando ao 012.

Os interesados tamén poden auxiliarse nas entidades identificadoras para o rexistro do gando; simplemente teñen que comunicar con que entidade queren traballar. Estas poden consultarse na propia Oficina Agraria Virtual ou no 012.