A nova aplicación informática da xestión procesual está operativa desde hoxe nos xulgados galegos
A migración levouse a cabo no prazo previsto, entre o venres e o día de onte, xa que pola súa complexidade requería máis de 48 horas para a súa implantación
As principais incidencias rexistradas quedaron resoltas esta mañá
O xoves 29 a Xunta informou aos secretarios xudiciais e funcionarios do cambio no sistema informático
A Xunta habilitou un dispositivo transitorio para que continuara a actividade xudicial con normalidade e non se cancelou ningún xuízo por esta causa
Esta semana está habilitado un soporte especial para notificar calquera problema para que poida solventarse na maior brevidade posible
Os técnicos da Xunta resolveron esta mañá as incidencias rexistradas tras a implantación do Minerva NOX, a nova aplicación informática para a xestión procesual nos xulgados galegos, unha das primeiras accións necesarias para a posta en marcha da Nova Oficina Xudicial, que entra hoxe vigor. O cambio de aplicación iniciouse o pasado venres e rematou a primeira hora desta mañá, segundo o prazo previsto pola Administración. O Ministerio de Xustiza, que é o departamento que subministra o sistema de xestión procesual á Comunidade, remitiu á Administración autonómica a versión instalable do Minerva NOX o mércores, 28 de abril.
A Xunta de Galicia notificou aos secretarios xudiciais a migración da aplicación informática Minerva, no que se rexistran todos os documentos do expediente xudicial, o pasado xoves 29 de abril e trasladouse este aviso a través da intranet aos funcionarios xudiciais. No caso dos xulgados de garda, os técnicos informaron de forma presencial sobre o paso do Minerva ao Minerva NOX e informaron dos procedementos transitorios habilitados para evitar a paralización da actividade xudicial.
Mecanismo transitorio
A Xunta habilitou un dispositivo técnico para abordar a migración das 50 instalacións xudiciais que pola súa complexidade se prolongou durante a fin de semana e desde hoxe ás 8:00 da mañá está operativo, segundo o previsto. Como mecanismo transitorio e para evitar a paralización da actividade xudicial, facilitóuselles aos traballadores dos xulgados unhas plantillas de documentos que estiveron dispoñibles desde o mesmo luns para que despois as incorporaran ao novo sistema e para evitar a paralización da actividade xudicial. Só se interrompeu o uso do Minerva, o resto das aplicacións informáticas estaban dispoñibles e o cambio no sistema non supuxo a cancelación de ningún xuízo.
Adicionalmente a estas medidas, a Administración autonómica puxo en marcha un dispositivo de soporte especial para notificar incidencias e resolvelas na maior brevidade posible. Grazas a este dispositivo, que estará operativo durante toda a semana, esta mañá quedaron solucionadas as incidencias rexistradas.
Formación
A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) ten convocado cursos para formar ao persoal da Administración de Xustiza nas reformas procesuais e na implantación da Nova Oficina Xudicial. Os cursos levan semanas en marcha, contan con 24 edicións e permiten formar a máis de 2.500 funcionarios.
Á súa vez, a Dirección Xeral de Xustiza segue a traballar para que a final deste ano, de xeito acompasado ao Ministerio de Xustiza e ás outras autonomías, se inicie a creación de servizos comúns procesuais e unidades administrativas nos edificios xudiciais.
Ademais, en decembro do ano pasado se crearon as comisións e os grupos de traballo para o deseño da implantación da Nova Oficina Xudicial en Galicia e están practicamente ultimados dous decretos para o seu desenvolvemento, que están en plena fase de debate cos sindicatos, porque a Xunta considera que a colaboración e a cooperación entre todos os sectores implicados é fundamental para garantir o éxito da implantación da Nova Oficina Xudicial.