A mostra itinerante Galiciadixital poderá visitarse desde hoxe no centro de saúde Valle Inclán de Ourense
Esta exposición ofrece unha experiencia interactiva, pensada para que os espectadores participen en todo o seu percorrido, permanecerá aberta ao público ata o vindeiro luns, 15 de marzo, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, agás o sábado pola tarde e o domingo.
A exposición itinerante da Secretaría Xeral de Medios, Galiciadixital, continúa coa súa andadura polos centros hospitalarios e sanitarios galegos e poderá visitarse desde hoxe ata o próximo luns, 15 de marzo, no centro de saúde Valle Inclán, en Ourense.
A mostra, organizada pola Secretaría Xeral de Medios en colaboración coa Consellería de Sanidade, poderá visitarse gratuítamente en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, agás o sábado pola tarde e o domingo, cando estará pechada.
Á inauguración, que tivo lugar hoxe ás 12:00 horas, asistiu o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia de Ourense, Rogelio Martínez, que invitou a todos os cidadáns a visitar a exposición, especialmente a aqueles que non coñeceran a mostra Galiciadixital permanente, ubicada no mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago. Así mesmo, incidiu na importancia de que esta exposición chegue a un centro sanitario, o que lle dá outra perspectiva diferente que nos hospitais, podendo o chegar así a máis xente.
Ao acto asistiron tamén a xefa territorial de Sanidade, María José Villar Suárez, o xerente de Atención Primaria de Ourense, Carlos Pereira, e o concelleiro Agustín Fernández Gallego en representación do Concello de Ourense, quen agradeceron a presenza dos asistentes ao evento e louvaron a iniciativa de levar Galiciadixital aos centros de saúde.
Esta mostra itinerante é só unha parte da exposición Galiciadixital permanente, que ten a súa sede en Santiago desde hai unha década, tempo no que ten recibido máis de 600.000 visitas. A través dela, a Secretaría Xeral de Medios pretende amosar aos galegos e galegas de todas as idades o audiovisual e os contidos multimedia realizados por empresas e universidades galegas.
Galiciadixital ofrece unha experiencia interactiva distinta á dos museos convencionais, pensada para que os visitantes non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido, achegando así os avances en tecnoloxías multimedia e audiovisuais producidas en Galicia á cidadanía dende localidades preto da súa residencia.
Contidos da mostra
Todos os que se acheguen estes días ao centro de saúde ourensán poderán disfrutar, de xeito totalmente gratuíto, do mundo virtual que ofrece Galiciadixital a través de proxeccións e xogos en 3 dimensións como as “Cidades do Camiño”, visualización de imaxes panorámicas de 360º nunhas pantallas que colgan do teito, onde cada usuario pode realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas máns por aquelas cidades por onde discorren os diversos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela.
Ademais, poderán xogar con “Axóuxere”, un canciño robotizado que fala galego e interactúa coa xente, que en modo automático atende a comandos de voz para que xogue coa súa pelota; ou poderán incluso converterse en tiraboleiros grazas ao Tiraboleiro Virtual, un espectáculo audiovisual co que se pretende dar a coñecer unha tradición galega tan significativa como o lanzamento do emblemático botafumeiro da catedral compostelá, entre outros contidos, que permitirán aos visitantes gozaren dunha experiencia nova e divertida.
Galiciadixital permanecerá no centro de saúde ourensán ata o luns 15 de marzo, onde poderá visitarse en horario de mañá e tarde, agás o sábado pola tarde e o domingo, que estará pechada.