A Libre Software World Conference 2012 traerá a Santiago de Compostela ás voces internacionais máis importantes do Software Libre
O encontro, que se celebrará os días 18 e 19 de outubro na Cidade da Cultura supón “o maior evento celebrado en España sobre software libre”, e está organizado por Agasol, a Asociación de empresas GAlegas de SOftware Libre e co apoio da AMTEGA.
O director de proxectos en Software Libre de Google (Chris DiBona), o fundador do movemento Open Source (Bruce Perens), o ideólogo do novo modelo económico "Economía do Ben Común" (Christian Felber), ou o propio John Sullivan (director executivo da Free Software Foundation) son algúns dos ponentes que asistirán á LSWC2012.
A alternativa do software libre –o que non está suxeito a licenzas- é cada vez máis unha tendencia non só escollida pola reducción de custos, senón tamén pola calidade e versatilidade das solucións. Nun momento no que os avances tecnolóxicos se deseñan, melloran e distribúen a nivel mundial, a organización dun encontro internacional sobre o software libre supón a creación dunha plataforma de innovación de primeira orde.
Ese é o obxectivo da Libre Software World Conference 2012 que a Asociación de empresas galegas de software libre –AGASOL-, organiza na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela os días 18 e 19 de outubro. No encontro, deseñado cun enfoque profesional e empresarial, os asistentes compartirán durante dous días experiencias, iniciativas, apostas e innovación.
Para iso, a organización, da man de ASOLIF –Federación nacional de empresas de software libre-, o IGAPE e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) está pechando a listaxe de ponentes que durante dous días se reunirán na Cidade da Cultura.
Entre as persoas que van intervir neste evento mundial contarase con nomes de referencia como:
Bruce Perens: Creador da definición de Open Source Definition e cofundador xunto con Eric S. Reymond da Open Source Initiative (OSI).
Chris DiBona: Chris DiBona é o director de Open Source para Google, Mountain View. Os seus equipos supervisan o cumprimento das licenzas e apoian á comunidade de desenvolvedores en código aberto a través de programas como o Google Summer of Code e por medio da publicación de proxectos de código aberto de software e parches.
Christian Felber: Especialista en economía sustentable e alternativas aos mercados financeiros. Ten desenvolvido un novo modelo internacional: "A economía do ben común".
Corinto Meffe: Director de integración de sistemas no Ministério do Planejamento, Orçamento e Gestão.
Fernando Botelho: Fundador de F123, grupo que deseña proxectos co obxectivo de reducir a pobreza e mellorar o acceso á tecnoloxía.
John Sullivan: activista da liberdade do software, hacker, e escritor. Actualmente é director executivo da Free Software Foundation, onde está traballando dende comezos do ano 2003. Ademais é poñente e webmaster do proxecto GNU.
Estas intervencións situarán a Galicia no norte da actualidade do software libre mundial.
Algúns dos principais obxectivos da organización en Galicia da LSWC 2012 é dar a coñecer casos de éxito baseados en software libre, dar conta das últimas novidades, e establecer un marco para a discusión e o encontro entre empresarios, usuarios e as propias administracións. Para conseguir que o encontro resulte áxil e produtivo, este desenvolverase de acordo a tres áreas de contido: o das empresas, o das administracións e o da cidadanía, de maneira que se exporá abertamente que se está facendo en cada un destes sectores en materia de software libre, cales son as demandas e cales as solucións.
A Libre Software World Conference será un evento aberto ao público. A organización ten en marcha unha páxina web na que poder inscribirse gratuitamente, así como informarse máis polo miúdo de todos os detalles deste evento clave para o vindeiro outono en Galicia.