A iniciativa “Faite Dixit@l” da Amtega abre un ciclo de faladoiros dixitais sobre tecnoloxía e sociedade da información
Desde o 28 de outubro e ata o 10 de decembro celebraranse cinco eventos entre seminarios de expertos, casos de éxito e presentacións “PechaKucha".
Teñen como obxectivo xerar debate e propiciar o intercambio de ideas sobre a actualidade tecnolóxica e da sociedade da información.
A participación é aberta e gratuíta, previa inscrición e ata completar os aforamentos.
Poderán seguirse co hashtag #faladoirosDIX e vía streaming a través da web da rede de aulas CeMIT, http://cemit.xunta.es/
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración con Fundetec, celebrará cinco Faladoiros Dixitais entre o o 28 de outubro e o 10 de decembro, dentro da iniciativa de capacitación tecnolóxica “Faite Dixti@al!, que ambas entidades desenvolven desde o pasado mes de setembro.
Os Faladoiros Dixitais ofrecen un lugar de encontro para o debate, con expertos e referentes dixitais en diversos campos vinculados coa tecnoloxía e a Sociedade da Información, sobre novos coñecementos en temáticas TIC de actualidade e amplo percorrido no futuro, e que repercuten e repercutirán, na cidadanía.
Nos Faladoiros Dixitais, participarán profesionais galegos, ademais de expertos nacionais, nuns encontros dinámicos e participativos. O ciclo comprende cinco eventos, un sobre innovación social dixital desenvolvido baixo metodoloxía ‘PechaKucha’; dous seminarios de expertos sobre Impresión 3D e internet das cousas e dúas xornadas de exposición de casos de éxito de aplicacións móbiles e identidade dixital.
A Coruña acolle o Primeiro Faladoiro Dixital en formato PechaKucha
O 28 de outubro o espazo WekCo de Coworking na Coruña, acollerá o primeiro Faladoiro baixo o PechaKucha, no que seis expertos en innovación social, compartirán a súa visión e experiencia neste campo. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través desta ligazón: http://www.faitedixital.es/galego/innovaci%C3%B3n-social/.
Nos seguintes faladoiros, mostraranse os últimos avances en impresión en tres dimensións e as súas posibilidades nos campos da industria, a saúde ou a educación;abordarase a utilidade das aplicacións móbiles como ferramentas de axuda cotiá para a obtención de información ou a prestación de servizos e tratarase a identidade dixital como parte a marca persoal á hora de afrontar proxectos persoais ou empresariais
Asistencia e seguimento dos Faladoiros
As persoas interesadas en participar poden consultar a información actualizada sobre a programación dos Faladoiros Dixitales, as datas e lugares de celebración e os relatores, ademais de realizar a inscrición través da web www.faitedixital.es. A asistencia a estas xornadas é libre e gratuíta ata completar o aforamento dos lugares de celebración.
Os eventos, serán retransmitidos vía streaming a través da web da Rede de aulas CeMIt http://cemit.xunta.es/ e poderán seguirse en Twitter, @faitedixital, co hashtag #faladoirosDIX e Facebook, www.facebook.com/faitedixital.
Cidadanía plenamente dixital, obxectivo da nova Axenda Dixital
A iniciativa Faite Dixit@l entronca cunha das liñas estratéxicas que desenvolverá a nova Axenda Dixital de Galicia 2020, que está a elaborar a Xunta, a de conseguir unha cidadanía plenamente dixital.
Este obxectivo busca avanzar nas liñas de actuación desenvolvidas ata agora pola primeira Axenda Dixital de Galicia 2014.gal, que puxo en marcha iniciativas como Abalar no campo educativo e a rede de aulas CeMIt, clave nesta iniciativa. Unha rede que suma 98 aulas en 92 concellos, e que está presente nas 53 comarcas galegas. En tres anos leva impartidas máis de 123.000 horas de formación TIC gratuíta e conta con máis de 37.300 usuarios rexistrados. Ofrece cursos de alfabetización dixital para os colectivos con máis dificultades de acceso ás TIC e tamén formación especializada para profesionais.