A información da Plataforma de Contratación Pública de Galicia xa está dispoñible en formatos abertos para facilitar a súa reutilización
Está publicada no portal Abert@s da Xunta e dispoñible para crear aplicacións en base a estes datos
Nas últimas semanas incorporáronse ao portal os mapas do Camiño Francés, a predición marítima para portos e confrarías, e o mapa de servizos sanitarios de Galicia
Esta iniciativa Open Data da Xunta púxose en marcha en marzo e ocupa a quinta posición a nivel estatal en volume de contidos, que suman xa máis de 250
Son datos de carácter xeográfico, estatístico, meteorolóxico, turístico, social ou económico entre outros, xerados pola propia Administración, e de gran valor pola súa fiabilidade e calidade que non estaban adaptados para ser empregados por terceiros
Os datos recollidos na Plataforma de Contratación Pública de Galicia están dispoñibles desde esta semana no Portal Abert@s da Xunta. Así as empresas e cidadáns que o desexen poden acceder a esta información en formatos abertos, o que lles permite reutilizalos e crear posibles aplicacións e prestacións.
Esta é a ultima incorporación a esta iniciativa Open Data da Xunta, que se puxo en marcha en marzo para facilitar o acceso á información xerada pola Administración para a súa reutilización.
Nas últimas semanas publicáronse en http://abertos.xunta.es outros conxuntos de datos como os Mapas de delimitación oficial do Camiño Francés, que ofrecen documentación gráfica desta parte do camiño. Está dispoñible en arquivos en formato KML que, unha vez descargados, permiten a súa visualización e o intercambio de información xeográfica.
Predicións marítimas e horarias
Tamén se incorporou á Abert@s a predición marítima para portos e confrarías de Galicia con información sobre o estado do ceo, a forza e a velocidade do vento, temperatura, altura, dirección do mar, temperatura da auga e período da onda. Poden consultarse tanto os datos da xornada en curso como a predición para as dous días seguintes, cunha frecuencia de actualización de 2 veces ao día.
Xa se poden consultar tamén os datos do horario no que se produce o orto e o ocaso -comezo e fin do día- nas cidades galegas e nos portos da Coruña, Vigo, Vilagarcía, Ferrol Ría de Foz, Corcubión, Ría de Camariñas, Ría de Corme, A Guarda, Ribeira, Muros e Pontevedra.
Mapa dos servizos sanitarios de Galicia
Outra das novidades de Abert@s é o Mapa de distribución dos servizos sanitarios que ofrece o Sistema Público de Saúde de Galicia. Inclúe todos os datos de localización, contacto e coordenadas das farmacias, centros de saúde, hospitais e centros de especialidade. Está dispoñible en formato KML.
Próximas incorporacións
Está previsto publicar en abertos o calendario escolar 2012-2013 que se incluirá en formatos CSV e .iCal. Este último é un aplicativo que lle permite ao usuario subscribirse a estes datos de forma que poida aplicalos a un calendario (do seu ordenador, dispositivo móbil...).
Iniciativa premiada
“Experiencias” é o espazo do portal Abert@s no se presentan algúns exemplos de utilidades que xa foron desenvolvidas a partir da reutilización de información xerada pola Administración galega. Unha estas aplicacións, Galitempo, resultou gañadora do I Premio Open Data convocado polo Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia.
Galitempo é unha aplicación para a consulta da información meteorolóxica ofrecida por MeteoGalicia, para dispositivos iOS como iPhone e iPad e que permite coñecer con precisión as predicións para os vindeiros días en Galicia, tanto por localidades como para praias e mareas. Galitempo foi desenvolvida por Zadia Software, empresa galega formada por dous enxeñeiros técnicos en informática de sistemas da Universidade de Santiago de Compostela.