A Illa de San Simón acollerá do 30 ao 31 de marzo o encontro ‘#Nethinking’ centrado nos modos de comunicación na era das novas tecnoloxías
#NeThinking, ¿Como comunicamos? reunirá no arquipélago da ría de Vigo a un grupo formado por destacados comunicadores e expertos en redes sociais referentes no panorama nacional
A Illa de San Simón acollerá entre os días 30 e 31 de marzo o encontro #NeThinking, ¿Como comunicamos? que reunirá no arquipélago da ría de Vigo a un grupo formado por destacados comunicadores e expertos en redes sociais, referentes no panorama nacional pola notoriedade das súas bitácoras persoais, pola súa actividade nas redes como Twitter ou Facebook e pola súa experiencia en contidos multimedia.
As xornadas de #NeThinking abrirán durante dous días a Illa do Pensamento, non só a nivel físico senón tamén virtual, para conversar sobre os nosos modos de comunicar na era internet, analizar o presente e tratar de intuír que é o que nos depara o futuro nesta permanente revolución. O evento terá como fío condutor, dous bloques temáticos para ir desenrolando no transcurso das xornadas. O primeiro bloque ‘Hasta aquí chegamos’ versará sobre tres temas, ‘Da comunicación lineal á comunicación en rede’, ‘A metamorfose do comunicador’ e ‘O rol social do comunicador’. O segundo bloque ‘¿E agora que?’ afondará noutras tres cuestión como ‘Os medios convencionais e a rede: ¿Convivencia ou fagocitación?’, ‘ A eclosión das tecnoloxías: ¿Acabaremos sendo escravos delas?’ e ‘A saturación informativa: ¿Un valor ou unha ameaza?’.
#NeThinking, ¿Como comunicamos? Ten como obxectivo principal, incorporar este novo modo de facer, de pensar e de entender a comunicación ao centro de debate, reflexión e creatividade que é a Illa de San Simón. Unha illa que foi terra de trobadores que buscaban en San Simón a súa inspiración e transmitir desde alí ao mundo a súa obra grazas á tradición oral, a primeira rede de comunicación da historia.
#NeThinking está deseñado como un encontro de expertos no marco do proxecto Illa do Pensamento, na liña de eventos que durante o ano 2010 permitiu concentrar en San Simón relevantes persoeiros do ámbito da comunicación, como o Foro Estrategar ou o Foro de Xornalistas. Estas iniciativas acadaron o desenvolvemento de ideas e propostas coa participación de expertos e outros interesados desde varios países do mundo, aproveitando as infraestruturas e o atractivo da illa e o seu entorno.