A guía interactiva ‘O Camiño en GPS’ xa está dispoñible para Ipod, Iphone e Ipad grazas ao apoio de economía e industria
A aplicación multimedia foi cofinanciada pola Xunta de Galicia no marco da convocatoria de axudas para proxectos de innovación relacionados co Xacobeo 2010
Javier Guerra subliñou a capacidade desta iniciativa de contribuír á proxección da innovación desenvolvida polas empresas galegas
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou esta mañá publicamente a primeira guía interactiva de peregrinos para iPhone, iPod e iPad. ‘O Camiño en GPS’ é unha aplicación gratuíta xa dispoñible na Apple Store que foi desenvolvida pola empresa galega Bluguía grazas a unha axuda do programa impulsado pola Dirección Xeral de I+D+i para cofinanciar proxectos de deseño de produtos e servizos tecnoloxicamente innovadores en relación co Xacobeo 2010.
‘O Camiño en GPS’ foi unha das dez iniciativas beneficiarias da convocatoria correspondente a 2009, dotada con un millón de euros. Uns meses despois Economía e Industria lanzou outra liña de axudas coa mesma dotación e o mesmo propósito: a promoción do Xacobeo 2010 como oportunidade de desenvolvemento empresarial para Galicia, incidindo na innovación como factor de competitividade e polas novas liñas de negocio que o Ano Santo pode abrir para sectores estratéxicos na comunidade, como é o caso do turístico.
Segundo explicou Guerra, a aplicación desenvolvida por Bluguia, empresa de Vigo especializada no deseño de guías turísticas multimedia baseadas en tecnoloxía GPS, cobre todo o percorrido do Camiño Francés, desde Saint-Jean-Pied-de-Port hasta Santiago de Compostela. Os peregrinos que utilicen ‘O Camiño en GPS’ dispoñen de 1500 arquivos de vídeo e máis de 100.000 fotografías, o que supón máis de 50 por cada unha das etapas que completan os 800 kilómetros de ruta.
A información que estes vídeos ofrecen aos peregrinos vai desde as características do terreo (con información sobre a distancia ata a seguinte vila e o grao de desnivel do solo), ao paisaxe e a biodiversidade ata a cultura popular e o patrimonio vinculados a cada punto polo que pasan. En primeiro lugar, se ten posto a disposición dos usuarios o tramo do Camiño que percorre Galicia dispoñible en galego, castelán e inglés, mentres que o traxecto dende Francia a Santiago de Compostela estará dispoñible xa nas próximas semanas.
Durante a presentación destacouse que se trata dun proxecto pioneiro e que esta tecnoloxía só se está aplicando actualmente a contornos coma a Ribeira Sacra e as localidades de Vigo e Txingudi (País Vasco). Guerra afirmou que na valoración da iniciativa para o seu coofinanciamento público tívose moi en conta que o plano fóra realizado pola propia empresa, en lugar de ser adquirido noutras empresas, e que a súa posta en marcha supuxo a ocupación laboral de máis de vinte persoas.
Proxección da innovación
O conselleiro de Economía e Industria subliñou que este proxecto cumpriu todas as expectativas do programa de axudas a proxectos tecnolóxicos relacionados co Xacobeo 2010, non só pola súa calidade senón tamén porque se converteu nun elemento decisivo para o lanzamento da actividade da empresa ao resto do mercado español, o que resposta ao obxectivo de que as iniciativas apoiadas con fondos públicos nesta convocatoria trascendan á referencia no Ano Santo para servir de pulo á proxección da innovación das empresas galegas.
Guerra lembrou a vinculación do Camiño de Santiago coa innovación e o emprendemento, asegurando que as iniciativas coma a presentada hoxe representan a continuidade sobre as que no seu momento supuxeron a apertura de novas rutas, a sinalización dos camiños, etc.