A Fundación Semana Verde e Xunta asinan un convenio para a modernización informática da Central Agropecuaria de Galicia

Xoves 15 de Setembro de 2016

A Fundación Semana Verde e Xunta asinan un convenio para a modernización informática da Central Agropecuaria de Galicia

O convenio supón a adecuación e actualización do módulo específico co que se realizan as poxas de gando, que recollen a información que logo se traslada

O vicepresidente, Alfonso Rueda, e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asinaron o compromiso

As actuacións suporán maior axilidade e seguridade nunha poxa modélica en España, sendo a única de gando informatizada a nivel nacional

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e presidente da Fundación Semana Verde de Galicia, asinou hoxe coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, un convenio de colaboración para a adecuación e modernización do sistema informático da Central Agropecuaria de Galicia.

O convenio asinado hoxe, cunha dotación orzamentaria de 60.000 euros, comprende, en concreto, a renovación dos actuais equipos informáticos, incluíndo a súa instalación e posta en marcha no Recinto Feiral da Fundación Semana Verde de Galicia.

Levarase a cabo tamén a actualización e modernización do equipo informático, actualizando o programa Logic Control, así como adecuación e actualización do módulo específico co que se realizan as poxas de gando, que recollen a información que logo se traslada directamente aos programas de xestión, administración, contabilidade e tributaria de Sage Murano. Esta actualización suporía a reprogramación do sistema en base de datos Microsoft SQL e Entorno.Net. Adicionalmente, tamén se levarán a cabo actuacións e se adquirirán investimentos que permitan a modernización do actual proceso de poxa de gando.

Hai que ter en conta que esta lonxa agropecuaria xa é a única poxa de gando de España cun sistema de poxa pública informatizado que exclúe ao intermediario, o que garante a transparencia nas transaccións entre compradores e vendedores.

Agora, en virtude do convenio asinado hoxe a Xunta mellorará aínda máis este sistema informático cara a súa modernización, o que conlevará maior axilidade e seguridade nunha subasta modélica en España, sendo a única de gando informatizada a nivel nacional.