A Fundación DINTEL recoñece o Centro de Proceso de Datos da Xunta como un dos mellores proxectos tecnolóxicos de 2012 a nivel estatal

Mércores 21 de Novembro de 2012

A Fundación DINTEL recoñece o Centro de Proceso de Datos da Xunta como un dos mellores proxectos tecnolóxicos de 2012 a nivel estatal

Mar Pereira destaca que o CPDI ten o múltiple obxectivo de acadar unha maior eficiencia no gasto TIC da Administración e mellorar os servizos que se ofrecen a cidadáns e empresas coas máximas garantías de seguridade e dispoñibilidade

O Centro, que entrou en funcionamento o pasado mes de setembro, permitirá un aforro anual de 3 millóns de euros

É unha plataforma tecnolóxica de altas prestacións que integrará de xeito progresivo as funcións dos 80 CPDs existentes a día de hoxe na Administración

Prestará servizo a todos os centros dependentes da Administración autonómica e ás deputacións, concellos e universidades galegas

O Centro de Proceso de Datos da Xunta foi recoñecido pola Fundación Dintel co premio “Mellores Proxectos Data Centers 2012” como unha das mellores iniciativas tecnolóxicas neste eido a nivel estatal. A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, foi a encargada de recoller hoxe en Madrid o galardón tras clausurar o Congreso Data Centers 2012, organizado por Dintel e no que se abordaron os retos destas infraestruturas tecnolóxicas chave para as iniciativas TIC das entidades públicas e privadas.

A responsable da área tecnolóxica da Xunta quixo agradecer este premio como un recoñecemento á firme aposta do Goberno galego en materia tecnolóxica. Neste sentido, sinalou que  o  desenvolvemento dunha iniciativa da envergadura do Centro de Proceso de Datos Integral resposta ao múltiple obxectivo de acadar unha maior eficiencia no gasto TIC da Administración e mellorar os servizos que se ofrecen a cidadáns e empresas coas máximas garantías de seguridade e dispoñibilidade.

O Centro de Proceso de Datos, situado na Cidade da Cultura, entrou en funcionamento o pasado  mes de setembro e integrará paulatinamente as funcións dos  80 CPDs da Administración autonómica. Estas plataformas carecen de capacidade de crecemento e están afectados por problemas de refrixeración, de dispoñibilidade e de consumos excesivos de enerxía eléctrica, que dificultan unha xestión eficiente. Unha situación que revertirá o CPDI,  que fará posible unha Administración aberta as 24 horas do día os 365 días do ano.

Mar Pereira destacou que a unificación dos servizos que actualmente prestan os 80 Centros de Proceso de Datos da Xunta no CPDI permitirá, unha vez consolidado, un aforro anual de tres millóns de euros co que se amortizará o seu custo en menos de dous anos.

A directora da Amtega sinalou que o Corazón Dixital de Galicia forma parte dunha estratexia  tecnolóxica  perfectamente definida polo Goberno galego, baseada na xestión integrada dos recursos tecnolóxicos para impulsar a innovación tecnolóxica en todos os ámbitos da administración.

Neste sentido, Mar Pereira afirmou que outra peza clave desta estratexia é a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, posta en marcha este ano, e que xunto con CPDI permitirá ao sector público desenvolver proxectos innovadores para mellorar os servizos públicos galegos e contribuír a dinamizar o sector TIC da Comunidade.

Capacidade de almacenamento e servizo
O CPDI custodiará todo o arquivo dixital de Galicia, é dicir, toda a documentación que xera a Administración autonómica: procedementos xudiciais, contidos educativos, expedientes administrativos, DOG dixital, historias clínicas, receitas electrónicas … Para xestionar toda esta información e garantir á seguridade e a dispoñibilidade dos servizos o Centro conta cunha capacidade inicial de almacenamento de 1,9 petabytes, o equivalente a máis de 593.000 millóns de páxinas.

O Centro de Proceso de Datos dará servizo a todas as consellerías e organismos dependentes da Xunta de Galicia e a outras entidades públicas como as deputacións provinciais, os concellos e as universidades. En cifras, tradúcese na prestación de servizo a 1.260 centros administrativos, 1.400 centros educativos, 600 centros asistenciais e sanitarios, a 322 entidades xudiciais, 1.500 oficinas de farmacia, e a a máis de 90.000 empregados públicos.