A Fundación Dintel concédelle á Xunta o premio ás mellores iniciativas TIC 2011 no eido das aministracións públicas

Xoves 27 de Xaneiro de 2011

A Fundación Dintel concédelle á Xunta o premio ás mellores iniciativas TIC 2011 no eido das aministracións públicas

A estratexia tecnolóxica global da Administración autonómica busca maximizar o potencial social e económico das tecnoloxías da información e a comunicación

O Goberno galego está a mellorar as infraestruturas de telecomunicación e a desenvolver proxectos de integración efectiva das TIC en todos os ámbitos da sociedade

No 2010 o Plan de Banda Larga da Xunta permitiu reducir en 250.000 o número de persoas que carecían de acceso á Rede na Comunidade

Nun ano a receita electrónica fíxose accesible a máis de 2,6 millóns de cidadáns

No ámbito educativo, o Proxecto Abalar permitiu dotar este curso aos alumnos dos 300 centros educativos con máis de 14.500 portátiles de última xeración

A Fundación Dintel acordou concederlle á Xunta o galardón ás Mellores Iniciativas TIC nas Administracións Públicas no marco dos seus Premios Alta Dirección 2011. A secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, asiste esta tarde en Madrid ao acto de entrega destes premios no que agradecerá, en nome da Xunta, o recoñecemento ao traballo realizado ata o de agora.

Estratexia global

A Administración autonómica estableceu as liñas de actuación en materia tecnolóxica na Axenda Dixital de Galicia 2014.gal como folla de ruta para o impulso definitivo das novas tecnoloxías en Galicia. Unha axenda dixital, plenamente aliñada coa Axenda Dixital Europea, e que actúa nos diferentes ámbitos: na mellora das infraestruturas tecnolóxicas, na modernización da administración pública, na posta en marcha de servizos públicos innovadores e na mellora da competitividade dos sectores tradicionais a través dun uso intensivo das novas tecnoloxías.

Infraestruturas e ámbitos de actuación

Unha das primeiras decisións do actual Goberno galego en materia tecnolóxica foi a posta en marcha do Plan de Banda Larga de Galicia co obxectivo de garantir o acceso a internet a todos os galegos. Unha aposta por conectar ao rural de Galicia co resto do mundo e unha aposta por despregar en Galicia as redes máis potentes e máis veloces do mundo. En menos dun ano da súa posta en marcha reduciuse en 250.000 o número de persoas que carecían de acceso á Rede na Comunidade.

No marco do Plan de Modernización da Administración Pública, acábase de aprobar o decreto que regula o desenvolvemento da Administración electrónica e que dará soporte ás accións para acadar unha Administración sen papeis, máis transparente e aberta 24 horas ao día e 365 días ao ano a todos os cidadáns.

A Xunta de Galicia está tamén a facer un especial esforzo na aplicación das TIC en eidos de tanta repercusión social, como a Sanidade, a Xustiza e a Educación. Entre os avances acadados nestas áreas cómpre destacar que o 98% da poboación galega estase a beneficiar da dispoñibilidade da Historia Clínica Electrónica. Nun ano a receita electrónica fíxose accesible a máis de 2,6 millóns de cidadáns. En 2010 a Xunta puxo en marcha o primeiro Plan de Sistemas e Tecnoloxías da Información do ámbito xudicial galego, Senda 2014, que xa no pasado ano permitiu mellorar servizos, infraestruturas e equipamentos no ámbito xudicial galego. O obxectivo final do Plan é implantar en Galicia o Expediente Xudicial Dixital e avanzar na integración das tecnoloxías da información na Administración de Xustiza.

No ámbito educativo, a Xunta está a despregar o Proxecto Abalar co que se dotou este curso aos alumnos de 300 centros educativos con máis de 14.500 portátiles de última xeración, acondicionáronse preto de 700 aulas e púxose en marcha o “espazoABALAR”, unha canle de comunicación na Rede para todos os membros da comunidade educativa.

Fundación Dintel

Dintel, é unha Fundación privada de ámbito estatal, dedicada á difusión das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. A través das súas actividades, Dintel facilita a máxima relación interpersoal ou "networking", entre directivos do sector público e privado, que teñan capacidade de decisión ou de definición estratéxica de servizos ao cidadán no contexto da Administración Electrónica. A Fundación convoca anualmente os Premios Dintel Alta Dirección nos que recoñece iniciativas e actuacións no ámbito tecnolóxico en 10 categorías distintas.