A factura electrónica suporá un importante aforro para a Administración e axudará á liquidez das empresas

Mércores 25 de Novembro de 2009

A factura electrónica suporá un importante aforro para a Administración e axudará á liquidez das empresas

A conselleira de Facenda confirma que a partir do mes de febreiro a Xunta reducirá os tempos de pagamentos das facturas a 45 días, 15 menos que a esixencia legal A intención é ir mellorando ata poder pagar en 30 días e optimizar os procedementos administrativos Un decreto garantirá os preceptos legais e creará o Portal de Contratación Pública de Galicia Facenda pretende impulsar o uso das novas tecnoloxía no ámbito da contratación pública

A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, salientou hoxe no Parlamento que ca factura electrónica, que estará operativa na Xunta de Galicia a partir do vindeiro mes de febreiro, “acadarase un mellor e máis áxil servizo aos cidadáns e a un menor custe, obtendo un aforro económico importante”.

Fernández Currás tamén subliñou que o Goberno galego “quere evitar no posible problemas de liquidez ás empresas” e garantir que os pagamentos da Administración autonómica “se realicen no menor tempo posible, a través dunha xestión rápida e eficaz”.

A titular de Facenda confirmou na Cámara que a partir de febreiro a Xunta “reducirá a 45 días como máximo, 15 menos que a esixencia legal actual”, co que cumprirá unhas das prioridades que se marcou ao inicio desta lexislatura e un compromiso de Goberno do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Marta Fernández Currás resaltou que a situación que atopou é de “certa discrecionalidade”, pois depende de cada centro xestor decidir a orde de tramitación das facturas porque non hai nada que o obrigue a seguir unha concreta. Ademais, lembrou que o sistema contable actualmente tampouco inclúe a data de presentación das facturas, senón as de contabilización do gasto e pagamento.

Polo tanto, apuntou que “é practicamente imposible saber o tempo que transcorre desde que se recibe unha factura ata o momento do seu pagamento” e engadiu que o obxectivo da Xunta é moito máis ambicioso que simplemente rexistrar a data de entrada dunha factura na administración. “Este é un paso necesario, pero non suficiente”, indicou.

Portal electrónico
Así, resaltou que se creará un portal electrónico para o rexistro de facturas que “permitirá centralizar e tratar de maneira uniforme” todas as emitidas polos distintos proveedores da administración, incorporar as facturas as sistema e consultar o estado de tramitación, formalizarlas tanto de xeito manual como en formato dixital e ter información sobre o importe de facturación pendente de imputar ao orzamento.

A conselleira explicou que para garantir os preceptos legais que marca a lexislación vixentes se está a traballar nun decreto que regule a factura electrónica e o uso de medios electrónicos, informáticos e telemáticos en materia de contratación pública da Administración galega e entes do sector público dependentes da mesma.

Nese decreto crearase tamén o Portal de Contratación Pública de Galicia, que dará acceso á Plataforma de Contratos, ao Sistema de Licitación Electrónica e á tramitación telemática de xestións do Rexistro Xeral de Contratistas de Galicia.

“Todas estas medidas permitirán non só cumprir os prazos que a normativa vixente impón á administración para implantar procedementos electrónicos, senón ir mellorando ata os 30 días e optimizar os procedementos administrativos”, concluíu a titular de Facenda.

Este departamento autonómico pretende impulsar o uso das novas tecnoloxías no ámbito da contratación pública. Así, a licitación electrónica, a factura electrónica e os novos sistemas de comunicación e de intercambio e almacenamento de información configuran novas técnicas de xestión.