A exposición itinerante ‘Galiciadixital’ achega as novas tecnoloxías a Pontevedra

Sábado 11 de Setembro de 2010

A exposición itinerante ‘Galiciadixital’ achega as novas tecnoloxías a Pontevedra

A mostra interactiva estará aberta ao público ata o 21 de setembro, no edificio administrativo da Xunta de Galicia

Os visitantes poderán desfrutar dos contidos habituais da mostra, como o xogo “Aerodeslizadores por Compostela”, a película en 3D “Cidades do camiño” ou o tiraboleiro virtual, ademais doutros relacionados cos 25 anos da CRTVG

O vindeiro martes, 14 de setembro, inaugúrase no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra a exposición itinerante e interactiva da Secretaría Xeral de Medios “Galiciadixital” que ademais dos seus contidos habituais, como o tiraboleiro virtual ou o xogo “Aerodeslizadores por Compostela”, acolle tamén outros relacionados co 25 aniversario da CRTVG.

A través desta exposición, que ten a súa sede permanente no Mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela, desde hai máis de dez anos, a Secretaría Xeral de Medios pretende amosar a galegos e galegas de todas as idades os contidos audiovisuais e multimedia realizados por empresas e universidades da Comunidade, valéndose para iso dunha experiencia interactiva diferente á dos museos convencionais, na que os visitantes non son simples espectadores, senón que poden participar en todo o percorrido.

Aqueles que acudan ás instalacións poderán desfrutar dalgúns dos contidos habituais da mostra Galiciadixital, como o xogo “Aerodeslizadores por Compostela”, no que descenderán pola zona histórica dunha cidade galega virtual nun futurista “aerodeslizador” desenvolvido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Tamén poderán xogar co canciño “Axóuxere” ou converterse en tiraboleiros do Botafumeiro da Catedral de Santiago por un día, grazas ao tiraboleiro virtual, entre outras actividades.

Ademais, os visitantes poderán tamén somerxerse nun mundo virtual a través de proxeccións en tres dimensións como “As cidades do camiño”, visualización de imaxes panorámicas de 360º nunhas pantallas que colgan do teito, onde cada un dos usuarios poderá realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas mans por aquelas cidades polas que discorren os diversos camiños de peregrinación a Compostela.

Por outra banda, a mostra acollerá, durante a súa estadía en Pontevedra, unha serie de contidos encamiñados a conmemorar os 25 anos de vida da CRTVG, como un vídeo conmemorativo que recolle diferentes momentos que marcaron o pasado e o presente da Compañía, unha zona expositiva de obxectos relacionados coa radio e a televisión e unha serie de paneis ilustrativos da historia do ente autonómico. Tamén, grazas ao plató “Chroma Key”, os que o desexen poderán converterse en presentadores de informativos, situándose nun espazo desde o que se verán reflectidos nunha pantalla TFT de gran formato.

Galiciadixital estará aberta ao público ata o 21 de setembro na Delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra, rúa Fernández Ladreda, 43.