A exposición GaliciaDixital propón aos pontevedreses unha viaxe interactiva pola comunidade e polos 25 anos de vida da CRTVG

Martes 14 de Setembro de 2010

A exposición GaliciaDixital propón aos pontevedreses unha viaxe interactiva pola comunidade e polos 25 anos de vida da CRTVG

Alfonso Rueda destacou hoxe na inauguración da mostra o papel fundamental da TVG e da Radio Galega na consolidación da lingua e da cultura de Galicia

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe na delegación da Xunta en Pontevedra a exposición GaliciaDixital itinerante, que ofrece unha viaxe interactiva pola comunidade e que acolle tamén unha serie de contidos encamiñados a celebrar os 25 anos de vida da CRTVG.

O titular de Presidencia subliñou o papel fundamental na consolidación da lingua e da cultura de Galicia que ten xogado a Televisión de Galicia e a Radio Galega ao longo deste cuarto de século de existencia e considerou un acerto celebrar esta efeméride na mostra itinerante GaliciaDixital, que no que vai de ano xa leva sido visitada por máis de 16.000 persoas nas localidades que a acolleron.

Todos os contidos que se exhiben na exposición, que permanecerá en Pontevedra ata o 21 de setembro, están feitos por empresas e universidades galegas. Este ano, como novidade, na programación de saídas da mostra incluíronse visitas a centros de maiores e complexos hospitalarios, así como varios centros de persoas con discapacidade.

Galiciadixital foi visitada, nas súas dúas dimensións de itinerante e permanente, por preto de 650.000 persoas dende a súa orixe, no ano 2000, o que a converte na segunda exposición máis visitada de Galicia. A exposición permanente, con sede no Mosteiro de San Martiño Pinario en Santiago de Compostela, superou no que vai de verán as 20.000 visitas e a versión itinerante acolleu no que vai de ano a 16.035 persoas nas oito localidades galegas polas que pasou ata o momento.

Contido da exposición
A mostra, que poderá visitarse gratuitamente de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, incluirá os seus contidos habituais como o xogo “Aerodeslizadores por Compostela”, no que poderán descender pola zona histórica dunha cidade galega virtual nun futurista “aerodeslizador” desenvolvido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Tamén poderán xogar co canciño “Axóuxere” ou converterse en tiraboleiros do Botafumeiro da Catedral de Santiago por un día, grazas ao tiraboleiro virtual.

Ademais, os visitantes poderán tamén somerxerse nun mundo virtual a través de proxeccións en tres dimensións como “As cidades do camiño”, visualización de imaxes panorámicas de 360º nunhas pantallas que colgan do teito, onde cada un dos usuarios poderá realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas mans por aquelas cidades polas que discorren os diversos camiños de peregrinación a Santiago.

Entre os últimos contidos incorporados á exposición destaca a película en catro dimensións “Meta do Camiño”. Trátase dunha curtametraxe en 4-D, é dicir, tres dimensións acompañada por efectos especiais de vento, aroma e fume, onde un peregrino acompaña e ilustra ao visitante nun breve percorrido aos lugares máis relevantes da catedral de Santiago de Compostela. Algúns destes sitios non son accesibles doadamente para o visitante convencional, como o altar maior, o órgano, o sepulcro, os tellados ou o impactante botafumeiro que os visitantes poderán alcanzar coas súas propias mans.

Aniversario de CRTVG
Por outra banda, a mostra acollerá, durante a súa estadía en Pontevedra, unha serie de contidos encamiñados a celebrar os 25 anos de vida da CRTVG, como un vídeo conmemorativo que recolle diferentes momentos que marcaron o pasado e o presente da compañía, unha zona expositiva de obxectos relacionados coa radio e a televisión e unha serie de paneis ilustrativos da historia do ente autonómico. Tamén, grazas ao plató “Chroma Key”, os que o desexen poderán converterse en presentadores de informativos, situándose nun espazo desde o que se verán reflectidos nunha pantalla TFT de gran formato.

Durante o acto de inauguración da mostra, a directora da TVG, Rosa Vilas, manifestou o orgullo da entidade por celebrar os seus primeiros 25 anos e amosouse “enormemente satisfeita de facelo no escaparate privilexiado da exposición Galiciadixital da Secretaría Xeral de Medios”, o que permite “combinar unha mirada emocionante cara á historia da compañía ao tempo que botamos unha ollada cara o futuro”. 

A través da exposición Galiciadixital, a Secretaría Xeral de Medios pretende amosar a galegos e galegas de todas as idades os contidos audiovisuais e multimedia realizados por empresas e universidades da comunidade, valéndose para iso dunha experiencia interactiva diferente á dos museos convencionais, na que os visitantes non son simples espectadores, senón que participan en todo o percorrido.