A exposición Galiciadixital itinerante recala en Xuventude Galicianet 2010 coa estrea dunha nova película en catro dimensións e do vídeo conmemorativo dos 25 anos da CRTVG

Venres 26 de Marzo de 2010

A exposición Galiciadixital itinerante recala en Xuventude Galicianet 2010 coa estrea dunha nova película en catro dimensións e do vídeo conmemorativo dos 25 anos da CRTVG

A mostra interactiva da Secretaría Xeral de Medios incluirá toda unha serie de contidos para conmemorar o 25º aniversario da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG).

Poderá visitarse ata o vindeiro domingo de 10.00 a 20.00 horas de xeito totalmente gratuíto no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela.

Ademais da estrea da película “Meta do Camiño”, curtametraxe en 4-D (3-D acompañado de efectos especiais de vento , aroma e fume), os visitantes poderán convertirse en presentadores de informativos a través do Plató Chroma Key ou participar no xogo “Aerodeslizadores por Compostela”.

A exposición itinerante e interactiva da Secretaría Xeral de Medios, Galiciadixital, recala hoxe en Xuventude Galicianet, no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, coa estrea da película en 4 dimensións “Meta do Camiño” e do video conmemorativo dos 25 anos de vida da CRTVG, como principais atractivos da exposición. A mostra poderá visitarse ata o vindeiro domingo de 10:00 a 20:00 horas de xeito totalmente gratuíto.

“Meta do Camiño” é unha curtametraxe 4-D, é dicir, 3-D acompañado de efectos especiais de vento, aroma e fume, onde un peregrino acompaña e ilustra ao visitante, nun breve percorrido en primeira persoa aos lugares máis relevantes da Catedral de Santiago, algúns dos cales non son accesibles para o visitante convencional, incluíndo o altar maior, o órgano, o sepulcro, os tellados e un impactante botafumeiro que os visitantes poderán alcanzar coas súas propias mans.

Ademais desta película, esta será a primeira ocasión na que a exposición Galiciadixital incluirá contidos que teñen como obxectivo homenaxear o primeiro cuarto de século da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), entre os que destacan a estrea dun vídeo conmemorativo ao redor dos seus 25 anos de vida, unha zona expositiva de obxectos relacionados coa historia da radio e da televisión, e unha serie de paneis ilustrativos da historia da compañía.

Por outra banda, Galiciadixital contará tamén con outros dos seus contidos habituais, como o xogo “Aerodeslizadores por Compostela”, no que o visitante descende pola zona histórica dunha cidade galega virtual, nun futurista “aerodeslizador”, desenvolvido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Asemade, os visitantes poderán tamén converterse en presentadores de televisión a través dao plató “Chroma Key”, espazo onde se poderán mover “ás súas anchas” ante unha cámara de vídeo mentres se ven reflectidos nunha pantalla TFT de gran formato.

A través desta exposición, que ten a súa sede permanente no Mosteiro de San Martiño Pinario, tamén en Santiago, a Secretaría Xeral de Medios pretende amosar aos galegos e galegas de todas as idades os contidos audiovisual e multimedia realizados por empresas e universidades da comunidade.

Galiciadixital ofrece unha experiencia interactiva distinta á dos museos convencionais, pensada para que os visitantes non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido, achegando así os avances en tecnoloxía multimedia e audiovisual producidas en Galicia á cidadanía desde localidades preto da súa residencia.

Ata finais de ano, a mostra cos seus contidos habituais e cos novos, relacionados cos 25 anos da Compañía Radio Televsión de Galicia (CRTVG), visitará, ademais de Santiago de Compostela, 13 localidades galegas: Narón, A Rúa, Chapela (Redondela), Ferrol, A Coruña, Muxía, Pontevedra, Padrón, Sarria, Ourense, Arzúa, Lugo e Vigo.