A empresa Mariscos Comesaña e a Artesá Elena Ferro completan o ciclo de vídeo-experiencias TIC que a Amtega publica en youtube

Sábado 05 de Novembro de 2016

A empresa Mariscos Comesaña e a Artesá Elena Ferro completan o ciclo de vídeo-experiencias TIC que a Amtega publica en youtube

Súmanse así a outras dez empresas de diversos sectores que contaron os beneficios de integrar solucións TIC nos seus modelos de negocio

Xa están dispoñibles na canle de YouTube da Amtega dúas novas vídeo-experiencias do ciclo que puxo en marcha o Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para difundir como a transformación dixital das pemes axuda a mellorar a súa eficiencia e a súa competitividade. Trátase de Mariscos Comesaña, empresa de Marín dedicada á venda por xunto de peixes e mariscos das Rías Baixas; de e Elena Ferro, artesá zoqueira de Vila de Cruces creadora dunha liña de zocos con deseños modernos e atrevidos.

O vídeo de Mariscos Comesaña (https://www.youtube.com/watch?v=_s1F_Kkv3U4) preséntanos o proceso de implantación dun portal en liña para a venda dos seus produtos e mostra como a tenda en liña aumentou os seus clientes e tamén a súa facturación.

Elena Ferro (https://www.youtube.com/watch?v=jucxNadciYE&feature=youtu.be), relata a súa experiencia coas redes sociais e como estas axudaron a dignificar o seu traballo e a dalo a coñecer, ademais de servirlle para chegar a moita máis xente.

Con estas dúas novas vídeo-experiencias ponse fin a este ciclo que ten como obxectivo  contribuír a impulsar o emprego dixital e a integración da tecnoloxía a través de casos de éxito reais de empregas galegas.

Experiencias de todos os sectores

Ata o momento un total de dez pemes, ás que se engaden agora Elena Ferro e Mariscos Comesaña, expuxo xa o proceso e as vantaxes de incorporar solucións tecnolóxicas nos seus modelos de negocio. Son pezas breves en formato de entrevista, nas que unha persoa da empresa conta en primeira persoa que tipo de solución TIC integrou de maneira satisfactoria no seu negocio e como favoreceu a mellora e o bo funcionamento deste. Como se mostra a continuación, o ciclo recolle experiencias de diferentes sectores:

Gadiex Placotec S.L. (https://www.youtube.com/watch?v=IrYZqKwgrHg), con sede en Vigo e dedicada ao illamento e a tabiquería seca de distribución, conta no seu vídeo como a implantación de OwnCloud favoreceu a mellora e o bo funcionamento do seu negocio.

Pola súa banda, SienteGalicia (https://www.youtube.com/watch?v=xocm-GKNblc), portal dedicado á venda de escapadas, vacacións e experiencias de lecer, e Viña Costeira (https://www.youtube.com/watch?v=9w_ojd7YSyk), adega de viticultores localizada en Ribadavia, explican como a implantación dun sistema CRM axudou a mellorar os beneficios das súas empresas.

Por outro lado, todotaladros.com (https://www.youtube.com/watch?v=IWiKQeMwrug), radicada na localidade de Sada, comparte na vídeo-experiencia os beneficios que supón ter un socio tecnolóxico que lle dea soporte á empresa en materia TIC.

No caso de LV Vogue (https://www.youtube.com/watch?v=4PPUN2hUXnU), empresa de calzado da Coruña, o seu vídeo fala da importancia do marketing dixital para mellorar o servizo e gañar máis clientes.

A vídeo-experiencia de TGM Toldos Gómez (https://www.youtube.com/watch?v=oK6t-CY-tp4), situada en Arzúa, narra as vantaxes do emprego de dispositivos móbiles para os seus comerciais, integrados cun programa de xestión ERP.

O vídeo de Veraleza (https://www.youtube.com/watch?v=LfmG4voqik8), compañía de flores e plantas con sede en Tomiño que opera en España e Portugal, narra como o emprego de Facebook lles está a axudar como canle para captar potenciais clientes na organización de eventos.

Na experiencia de Termaria (https://www.youtube.com/watch?v=_d71JbtVI1k), centro dedicado ao lecer, a relaxación, o deporte e a saúde situado na cidade da Coruña, destácanse os beneficios dunha solución tecnolóxica que lles permite reducir os custos enerxéticos e reducir o impacto ambiental.

A continuación, Wekab, unha plataforma especializada en formadores e expertos do ámbito da formación para o emprego, fálanos no seu vídeo (https://www.youtube.com/watch?v=nBQSPewP8I4) do emprego de diversas solucións na nube, como servizos de CRM, email marketing ou de xestión de documentos.

Por último, Cabomar (https://www.youtube.com/watch?v=1e06R429cRA), empresa situada en Marín, especializada en produtos do mar conxelados tanto ao natural como elaborados, narra a súa experiencia coa utilización dun sistema de capturas en planta para controlar o proceso e mellorar o sistema produtivo.

Dixitalización, o reto das pemes

A dixitalización empresarial é un dos retos da Axenda Dixital de Galicia 2020 e un desafío inaprazable para as pemes; por unha parte, aumenta a eficiencia do sistema de xestión e do labor dos empregados e, por outra, cada vez máis clientes demandan servizos dixitais, sinxelos e rápidos. Mostrar e fomentar o emprego das novas tecnoloxías é a principal tarefa do CDTIC, polo que esta vez aposta por contido audiovisual e atractivo para dar a coñecer os beneficios e as vantaxes relacionados coa introdución de software e sistemas de xestión dixital no tecido empresarial.