A Egap publica gratis na internet unha nova tanda de temarios para os procesos selectivos da Xunta de Galicia
Son os correspondentes a ordenanzas, celadores, vixilantes de oficinas, vixilantes nocturnos, subalternos, porteiros, recepcionistas, telefonistas, gardas e gardas xuramentados
Con esta iniciativa avanzase na garantía do principio constitucional de igualdade de oportunidades no acceso ao emprego público e contribúese á democratización do proceso
A Escola Galega de Administración Pública continua ca publicación en Internet dos temarios para os procesos selectivos da Xunta e, tras a publicación dos correspondentes a axentes facultativos ambientais e legoeiros, acaba de publicar os de ordenanzas, celadores, vixilantes de oficinas, vixilantes nocturnos, subalternos, porteiros, recepcionistas, telefonistas, gardas e gardas xuramentados.
Desde a páxina web da EGAP (http://egap.xunta.es/), estarán dispoñibles os textos que se poderán descargar integramente en lingua galega ou castelá, de maneira libre e gratuíta, o que permite á Administración avanzar na garantía do principio constitucional de igualdade de oportunidades no acceso ao emprego público, e, ao mesmo tempo, contribuír á democratización do proceso.
Con este novo temario a EGAP dálle continuidade á labor comezada no mes de outubro coa publicación dos correspondentes a Axudantes Facultativos da Xunta de Galicia, escala de Axentes Facultativos Ambientais e os de legoeiros ou peóns camiñantes, fai tan só unha semana.
Cómpre lembrar que non se trata de temarios, repostas ou materiais oficiais, polo que en ningún caso vincularán a opositores ou a tribunais, pero si que son instrumentos complementarios e contrastados que servirán de apoio e axuda como textos de referencia, pero nunca de forma exclusiva ou excluínte doutros materiais. Ademais, contan coa vantaxe de que cada referencia normativa que aparece nos textos está enlazada directamente cun link á normativa referida, o que lle proporciona ao opositor un coñecemento máis profundo e completo da materia de xeito instantáneo.
Nas próximas semanas a Escola presentará os temarios correspondentes ao subgrupo A1, cuxos textos están confeccionados e a súa publicación pendente de que o programa definitivo sexa aprobado polos órganos correspondentes e de que se efectúen as adaptacións definitivas dos temas.
Éxito de descarga
Desde que a EGAP puxo á libre disposición dos interesados os temarios correspondentes aos axentes facultativos ambientais, fai catro meses, estes obtiveron máis de 12.000 descargas. Pola súa banda, os temarios destinados aos legoeiros ou peóns camiñantes tamén están sendo un éxito, descargándose máis de 2.500 veces en tan só unha semana de acceso público a través da páxina web da Escola.
Proceso de elaboración
Para crear os temarios levouse a cabo un proceso de elaboración complexo, complicado e laborioso. Primeiro expertos nas correspondentes e diferentes materias, preferentemente do ámbito da administración pública autonómica, redactaron os temas, seguindo as directrices dunha coordinación que garanten a súa fiabilidade e a súa integración nun sistema homoxéneo.
Nunha segunda fase, revisores independentes que descoñecen a autoría dos temas que revisan, fan unha auditoría dos materiais doutrinais, xurisprudenciais e normativos utilizados en cada un dos temas; de forma que esa revisión, coas correccións propostas, é remitida ao autor para que faga as alegacións que entenda oportunas. En caso de discrepancias, a coordinación decide o texto definitivo a publicar.
Na terceira e última fase, tradutores expertos en linguaxe administrativa e xurídica galega traducen todos e cada un dos temas, ao galego ou ao castelán, dependendo de cal sexa a lingua libremente empregada polo autor.
A elaboración dos temarios pola EGAP era un requirimento constante das organizacións sindicais e do colectivo dos empregados públicos, así como da sociedade en xeral, xa que os opositores poderán dispoñer duns temarios fiables e de referencia para a súa preparación.