A Egap convoca o III Curso superior de Administración electrónica

Venres 29 de Marzo de 2013

A Egap convoca o III Curso superior de Administración electrónica

Incide na importancia da implantación da Administración electrónica nas distintas administracións da nosa Comunidade

A Escola Galega de Administración Pública vén de convocar no Diario Oficial de Galicia o ‘III curso superior de Administración electrónica’, que pretende afondar, dende unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da Administración electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións da nosa Comunidade.

Os contidos do programa están enfocados para que os destinatarios adquiran ou perfeccionen os coñecementos teóricos e prácticos da informática e do dereito, completando a súa formación no dereito da informática. O contido está estruturado en tres módulos, os fundamentos de tecnoloxías e sistemas de información, os aspectos legais das TIC e a eAdministración, e a Administración electrónica.

Para o curso, a Escola oferta un total de 50 prazas, das cales o 60 por cento teñen como destinatarios os empregados públicos das administracións de Galicia, tanto autonómica como local, e das universidades. Para inscribirse, as persoas interesadas deberán cubrir a instancia que figura no enderezo da Escola: http://egap.xunta.es/cursoadmonElectronica.

O curso terá lugar na sede da Egap dende a segunda quincena de abril ata mediados de xullo, cun total de 114 horas de formación e clases prácticas presenciais.