A EGAP analiza os retos e oportunidades da internet e os servizos en nube para as empresas e administracións

Domingo 13 de Decembro de 2009

A EGAP analiza os retos e oportunidades da internet e os servizos en nube para as empresas e administracións

Trátase dunha iniciativa pioneira en España, dirixida ao persoal da Xunta de Galicia e interesados en xeral.

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) celebrará unha xornada o vindeiro luns na que se analizarán os retos e as oportunidades que ofrece Internet e os servizos “en nube” ás empresas e administracións. A xornada, absolutamente pioneira en España, está dirixida ao persoal da Xunta de Galicia e interesados en xeral.

Os servizos “en nube” (cloud computing) prestan hoxe en día o desenvolvemento de maior envergadura en Internet. Utilidades que d eordinario só se prestan dende o propio ordenador ou rede corporativa, comezan a ofrecerse en cada vez maior medida a través da Rede. É o caso das contas de correo electrónico, o tratamento de textos ou os programas esenciais para administracións ou empresas; como poden ser os dedicados á xestión das nóminas, por exemplo.

En virtude diso, os datos deixan de almacenarse nos servidores do usuario para facelos nos da empresa que resta o servizo, ou como algúns prefiren dicir, Na Internet, na “nube”. Esta evolución producirá sen dúbida importantes vantaxes para a Administración e a empresa como unha maior cooperación e aforro de custes, entre outras, aínda que tamén apunta serios riscos: intimidade, protección e seguridade de datos, etc.

A xornada comezará ás 10.00 horas, trala inauguración, co relatorio da profesora de Enxeñería Telemática da Universidade Politécnica de Madrid, Carmen Costilla, sobre “A nube no universo de Internet”. Máis tarde; ás 12.00 h. Haberá unha mesa redonda dedicada á nube na industria, que contará coa presenza de César de la Torre, “architect advisor” de Microsoft Division de Desarrolladores e Plataforma; Raúl Duque, director de Pre-Vendas de Oracle; e Esaú Alonso, director de Servizo Público de Salesforce. O moderador da Mesa será Jorge Villarino Marzo, letrado das Cortes Xerais e candidato a Doutor na Cátedra de Dereito e Goberno de Internet da Universidade Internacional de La Rioja.

Pola tarde, contra ás 15.45 h., será a quenda de Pablo García Mexía, letrado das Cortes Xerais e catedrático de Dereito e Goberno de Internet da Universidade Internacional de La Rioja, que abordará o tema de “O dereito ante a nube”. Posteriormente, o director do centro de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións do Congreso dos Deputados, Javier de Andrés Blasco, finalizará a sesión falando de “A nube e as súas implicacións para a política e a Administración”.

Para máis información sobre a xornada pódese consultar a páxina web da Escola http://egap.xunta.esou chamar aos teléfonos: 981 546 241, 981 546 241, 881 997 014 ou 881 997 014.