A Egap acolle hoxe un dos cursos de formación para os máis de cen voluntarios e o persoal das entidades inscritas no Programa de voluntariado dixital da Xunta
Trátase do módulo “Voluntariado e Habilidades Sociais”, que se realiza grazas a colaboración altruísta da Universidade Senior da da Coruña
O itinerario formativo do programa conta cun total de seis módulos con 140 horas de formación on-line e presencial ata xuño
Unha vez rematada a formación básica, as persoas voluntarias poderán comezar a desenvolver a súa actividade a partir do 23 de abril
Actualmente 3 entidades de acción voluntaria demandan 17 persoas voluntarias para realizar apoios dixitais no seu ámbito de actuación
A Escola Galega de Administración Pública (Egap) acolle hoxe o o curso “Voluntariado e Habilidades Sociais”, que forma parte do itinerario formativo do Programa Voluntariado Dixital, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Traballo e Benestar.
O obxectivo do Programa de Voluntariado Dixital, é contribuír a través da colaboración e compromiso de persoas voluntarias, á incorporación das novas tecnoloxías á vida cotiá de toda a cidadanía galega, centrándose nesta primeira fase nos colectivos de maiores e persoas con discapacidade.
Itinerario formativo
A formación dos 137 voluntarios e do persoal das e entidades colaboradoras inscritas no programa comezou o pasado 20 de marzo e consta de seis módulos cun total de 140 horas de formación tanto online como presencial.
A finalidade deste itinerario formativo, incluído no Plan de Formación do Voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado é ofrecer aos voluntarios e entidades colaboradoras as ferramentas necesarias para orientalos nas súas tarefas de acción solidaria.
Unha vez impartidos estes dous módulos, considerados como a formación necesaria e básica para o inicio da acción voluntaria dixital, os voluntarias e voluntarias poderán comezar a súa actividade a partir do 23 de abril, aínda que recibirán formación continua dende ata o mes de xuño.
Universidade Senior da Universidade da Coruña
O módulo “Voluntariado e Habilidades Sociais”, que se imparte hoxe, busca canalizar claramente as necesidades e expectativas do colectivos aos que se dirixe o voluntariado dixital e ofrecer regras prácticas para desenvolver habilidades sociais coas persoas maiores e persoas con discapacidade que sexan usuarias do programa.
A acción formativa materialízase grazas á colaboración altruísta e desinteresada da Universidade Senior da Universidade da Coruña, entidade colaboradora do programa Voluntariado Dixital a través da cal se imparten estudos destinados a un sector da sociedade maior de 50 anos que concluíu a súa vida laboral e demanda un novo tipo de formación actualizada e axeitada ás súas inquedanzas formativas e intereses culturais.
Seguintes edicións do curso “Voluntariado e TIC”
Os próximos módulos desenvolveranse dende maio ata xuño deste ano e impartiranse a súa vez grazas á colaboración altruísta de entidades colaboradoras e mecenas dixitais do programa.
O Módulo III “Formación TIC”, iniciarase o próximo mes de maio e terá unha duración de 60 horas. Será desenvolvido e impartido grazas a profesionais de diferentes empresas TIC que colaboran no programa de voluntariado como mecenas dixitais.
O Módulo IV: “Características especiais en grupos en risco de exclusión social”, ten como obxectivos o achegamento e coñecemento da exclusión social e dixital que se produce nas persoas maiores e persoas con discapacidade e axudará ós voluntarios e voluntarias a coñecer as pautas de cara a iniciar o proceso de intervención pare frear a fenda dixital. Será impartido por profesionais de tres entidades colaboradoras, o CERMI Galicia, FETEGA-UDP Unión Democrática de Pensionistas e Xubilados e a Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos ATEGAL.
O Módulo V “O Voluntariado como apoio no deseño de estratexias de alfabetización dixital” iniciarase o próximo 27 de abril no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia e o Módulo VI “Promoción do uso seguro e responsable das TIC entre os menores” comezará a súa andaina no mes de xuño. Estes módulos serán deseñados e impartidos conxuntamente coas persoas voluntarias e os profesionais que conforman o proxecto de alfabetización dixital da Amtega, a Rede CeMIT.
Inicio da acción voluntaria dixital
A Unidade de Coordinación VolDixital é a encargada de canalizar a oferta de voluntariado e a demanda que realicen as entidades de acción voluntaria.
Actualmente 3 entidades de acción voluntaria adheridas ó programa, concretamente a Asociación Sociocultural ASCM a Asociación Galega de Familias de Persoas Afectadas polo Síndrome de Asperger e Acción Solidaria de Galicia ASDEGAL, solicitan 17 persoas voluntarias para a realización de apoios dixitais nos seus colectivos de actuación.
Os voluntarios e voluntarias interesados nestas demandas poden opter máis información e inscribirse a través da web do proxecto http://voluntariadodixital.xunta.es