A directora do CETMAR asiste en Namibia ás reunións de seguimento dos proxectos da fundación no país africano
O Centro Tecnolóxico do Mar está a apoiar ao goberno namibio no reforzo do seu Centro de Investigación e Información Nacional Mariña (NatMIRC), así como no fortalecemento das capacidades de xestión acuícola do Ministerio de Pesca e Asuntos Marítimos
Trátase de iniciativas financiadas pola Consellería do Mar e pola Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID)
A directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, Paloma Rueda Crespo, asiste estes días en Namibia ás reunións de seguimento dos proxectos que a institución que dirixe está a levar a cabo no país africano con financiamento da Consellería do Mar e da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID). Na actualidade, persoal do CETMAR está a apoiar ao goberno namibio no reforzo do seu Centro de Investigación e Información Nacional Mariña (NatMIRC), así como no fortalecemento das capacidades de xestión acuícola do Ministerio de Pesca e Asuntos Marítimos.
Ao longo de esta semana e ata mañá, Paloma Rueda Crespo mantivo encontros con representantes de todas as institucións implicadas nos devanditos proxectos e comprobou in situ a marcha das accións previstas nos mesmos. Nestas visitas está acompañada pola coordinadora da área de Cooperación Internacional do CETMAR, Yolanda Molares.
No caso do proxecto de apoio ao programa de investigación do NatMIRC, no que o Centro Tecnolóxico do Mar traballa en colaboración co CSIC, o IEO e o Ministerio de Pesca namibio, o obxectivo é reforzar a función da devandita institución como instrumento de apoio no proceso de toma de decisións acerca das políticas de conservación de recursos do Goberno de Namibia. Para elo desenvólvense tarefas de formación e asistencia técnica aos científicos do NatMIRC nun labor que se prolongará ata o ano 2011.
Tamén ata o ano próximo ten vixencia a colaboración que a Fundación CETMAR está a manter co Ministerio de Pesca e Asuntos Marítimos de Namibia cara ao reforzo das súas capacidades para o desenvolvemento da acuicultura rural no país africano. Tanto neste proxecto como no anterior, o financiamento das accións previstas corre por conta da Consellería do Mar da Xunta de Galicia e da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID).