A directora da Amtega subliña que o obxectivo do Plan de Goberno dixital 2020 é conseguir unha Administración con menos papel e máis cerca do cidadán
Destacou que xa está operativo o Arquivo Dixital de Galicia, que no primeiro trimestre do ano incorporará 100 procedementos cun ciclo de vida totalmente dixital.
É unha das medidas contempladas no Plan, que unha vez culminado, consolidará un aforro de 41 millóns de euros.
A directora de Avaliación e Reforma Administrativa destacou que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en completar un proceso global de reestruturación da súa administración instrumental.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou hoxe que o obxectivo do Plan de Administración e Goberno Dixital 2020 é conseguir unha administración con menos papel e máis preto do cidadán. A responsable da área tecnolóxica da Xunta inaugurou en Santiago o Seminario “A Transformación Dixital en Galicia”, organizado Socinfo, e no que interviñeron a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, e o director xeral de Función Pública, José María Barreiro.
Pereira sinalou que o actual Goberno galego iniciou a senda da dixitalización dos servizos públicos en 2010 coa aprobación da primeira Axenda Dixital de Galicia 2014.gal e que en 2015 aprobouse a Axenda Dixital 2020, que mobilizará un investimento público-privado de 1.500 millóns de euros. A directora da Amtega indicou que o seu departamento, en colaboración coas consellerías, está a desenvolver os 14 plans de actuación desta Axenda para consolidar a dixitalización da Educación, a Xustiza, do eido sociosanitario, dos sectores primarios e estratéxicos galegos e para proporcionar o acceso a todos os galegos de redes ultrarrápidas.
As pezas dunha Administración dixital
O Plan de Administración e Goberno Dixital 2020 é a folla de ruta da Axenda para consolidar e avanzar na dixitalización da Administración autonómica e, unha vez culminado, permitirá un aforro de 41 millóns de euros. Neste sentido, Mar Pereira afirmou que o esforzo realizado ata agora ten resultados como a entrada en funcionamento do Arquivo Dixital de Galicia. Esta é unha peza chave da eAdministración, que no primeiro trimestre deste ano incorporará 100 procedementos cuxo ciclo de vida administrativo será totalmente dixital.
A directora da Amtega destacou que a día de hoxe máis do 60% dos trámites coa Xunta pódense presentar online na sede e que se simplificou o seu uso coa posta en marcha do servizo Chave 365, que evita o uso de certificados dixitais. Ademais, as máis de 500 oficinas de Rexistro contan cun único sistema de información e o pasado mes de setembro iniciábase a súa a súa dixitalización. A posta en marcha do sistema Notifc@ de notificacións electrónicas foi outro das iniciativas que se completou en 2015 e que posibilitarán a tramitación integramente integral dun trámite desde a súa entrada ata notificación final ao usuario.
Pereira indicou que este proceso de transformación supón a reconfiguración das funcións dos empregados públicos, o que implica a dotación de novos medios tecnolóxicos adaptados á novas necesidades e un plan de formación TIC, que se está a desenvolver a través da EGAP e que impartiu más de 12.500 horas en tres anos.
Plan de Racionalización
Pola súa banda, a directora de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto destacou que grazas á posta en marcha do Plan de Racionalización, Galicia converteuse na primeira comunidade autónoma de España en completar un proceso global de reestruturación da súa administración instrumental, tras intervir sobre 160 organismos nun proceso pioneiro de redución, simplificación e adaptación da súa estrutura ao actual contexto económico.
Ao final deste ‘macroproceso’ -que comprende aos tres plans de racionalización activados e algunhas operacións puntuais de axuste realizadas fóra deles- a Xunta terá suprimido 96 organismos en total e outros 64 terán sido optimizados, despois de introducir neles importantes melloras de eficiencia tras un intenso traballo de auditoría interna.
Ademais, a Xunta comprometeuse a facer do proceso de racionalización unha garantía de permanencia e mellora continua e por iso a propia Lei de Racionalización do Sector Público Autonómico, aprobada recentemente, incorpora a obriga de realizar periodicamente plans de avaliación e reestruturación, tanto da Administración xeral como da instrumental.
O obxectivo destas accións é o mesmo que leva guiando a actuación do Goberno galego desde o ano 2009: evitar duplicidades, gañar en eficacia e transparencia, adelgazar a administración, e que non sexan organismos instrumentais os que presten servizos e actividades que poden prestar de igual ou mellor xeito as consellerías das que dependen, e a un menor custo.