A directora da Amtega recibe a unha delegación da área tecnolóxica do goberno de Turquía
Os representantes do Goberno turco interesáronse por iniciativas TIC da Xunta como o Fogar dixital, a consolidación do Centro de Proceso de Datos do Gaiás e os avances do Plan de Banda Larga
A directora da Axencia para a Modernización de Galicia, Mar Pereira, recibiu esta mañá a unha delegación da Autoridade Nacional de Regulamentación de Telecomunicacións de Turquía (ICTA).
Os representantes deste departamento tecnolóxico do Goberno turco quixeron coñecer en detalle o proxecto de Fogar Dixital da Xunta así como o proceso de consolidación de infraestruturas no Centro de Proceso de Datos Integral do Gaiás e as liñas de actuación do Plan de Banda Larga.
A visita dos integrantes do ICTA de Turquía a Galicia enmárcase dentro dun proxecto de irmandamento deste organismo coa Secretaría de Estado de Telecomunicacións do Goberno do Estado, financiado con fondos da Comisión Europea. A iniciativa céntranse no intercambio de coñecementos sobre o mercado de equipos de telecomunicacións.
Tras a xuntanza, a delegación do organismo turco visitou a sede de Televés en Santiago e a Marine Instruments en Nigrán, dúas empresas galegas destacadas na fabricación de equipos de telecomunicacións.