A directora da AMTEGA avoga pola educación e a adaptación da lexislación ao cambios tecnolóxicos para previr o ciberacoso e os delitos en internet

Venres 25 de Outubro de 2013

A directora da AMTEGA avoga pola educación e a adaptación da lexislación ao cambios tecnolóxicos para previr o ciberacoso e os delitos en internet

A directora da Amtega inaugurou hoxe as III Xornadas de Informáticas Xudicial, organizadas polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia

Destaca que as iniciativas da Xunta para previr o ciberacoso se abordan con todos os axentes implicados, educadores, pais, nais, menores e profesionais do ámbito tecnolóxico

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou hoxe que a rápida e constante evolución tecnolóxica require unha adaptación nos mesmos termos das condicións de seguridade, da normativa e das actividades formativas e divulgativas para que usuarios e administracións poidan obter o máximo proveito das vantaxes que ofrecen as TIC cos mínimos riscos.

A responsable da política tecnolóxica da Xunta, inaugurou hoxe as III Xornadas sobre delitos informáticos, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG) en colaboración co departamento autonómico.

Na súa intervención, Mar Pereira fixo mención a dous aspectos dos delitos na rede, os relacionados coa privacidade e o ciberacoso e os referidos á seguridade da información que custodian as Administracións Públicas.

Formar para previr
A directora da Amtega afirmou que a prevención, baseada na información e na educación é clave para evitar a proliferación do acoso na rede, que afecta especialmente menores. Neste sentido, sinalou que a forma de abordar esta problemática é coa colaboración con todos os axentes implicados, educadores, pais, nais, menores e profesionais do ámbito tecnolóxico.

Esta filosofía é a que rexe as iniciativas que está a desenvolver a Administración autonómica en colaboración cos colexios profesionais de enxeñeiros en informática e enxeñeiros técnicos en informática. É o caso de Navega con rumbo, que sumará no curso 2013-2014 máis de 500 charlas divulgativas nos centros educativos para ensinar os alumnos a navegar con precaución pola rede, e que conta tamén con guías específicas para pais e profesores. Nesta mesma liña están as charlas organizadas polo CPETIG nas principais cidades galegas con expertos na materia para proporcionar a pais e profesores ferramentas para previr ou minimizar este tipo de situacións.

Adaptar as normativa ao novo contexto dixital
No eido da Administración pública, Mar Pereira, destacou o importante desenvolvemento rexistrado en materia lexislativa que esixe ás Administracións públicas unha xestión da seguridade á par con normativas internacionais de recoñecido prestixio e eficacia.

No caso concreto da Administración galega, a máxima responsable da Amtega, afirmou que nos últimos anos definiuse unha estratexia corporativa para o cumprimento da Lei Orgánica de Protección de Datos e do Esquema Nacional de Seguridade que xunto cos programas de formación para concienciar os empregados dos riscos dos novos medios electrónicos está a contribuír á mellora da seguridade da Administración.

Ademais, Pereira, sinalou que a consolidación das infraestruturas TIC da Xunta no CPDI, é outro paso fundamental para garantir a dispoñibilidade e seguridade de toda a información que xestiona e custodia a Administración pública.

Expertos de prestixio nacional
Baixo o título “Ciberseguridade e sistemas forenses de intrusión: PRISM e troianos, ¿Ata onde?”, as III Xornadas de Informática Xudicial reúnen hoxe na Cidade da Cultura a un grupo de expertos de prestixio co obxectivo de informar a técnicos e xuristas sobre a investigación e persecución de delitos informáticos e os avances en materia probatoria forense neste tipo de delitos, que van en aumento cada ano.

Máis de 60 inscritos asistirán ao longo do día aos relatorios de profesionais do máis alto nivel como o xuíz da Audiencia Nacional, Eloy Velasco, que exporá os novos medios de proba electrónica no procedemento xudicial ou Manuel Álvarez Sobredo, responsable de implantación do Centro Europeo contra o Cibercrime (EC3), entidade integrada na Europol e que centraliza a loita contra o cibercrime na Unión Europea.

Outros relatorios correrán a cargo do avogado especializado en TIC David Maeztu que falará sobre o uso de troianos para a investigación de delitos, do xefe do Grupo de Delitos Tecnolóxicos da Garda Civil, Alberto Redondo, a fiscal especializada en Criminalidade Informática, Marta García de la Concha, e o Secretario Xeral da Administración de Xustiza, Joaquín Silguero Estagnan. Os relatorios completaranse cunha mesa redonda adicada a un tema tan de actualidade como as diferenzas entre ciberseguridade e ciberespionaxe e onde están os límites de cada un.