A Deputación de Ourense recibirá da ATRIGA información tributaria por vía telemática para aforrar trámites aos cidadáns

Luns 17 de Xuño de 2013

A Deputación de Ourense recibirá da ATRIGA información tributaria por vía telemática para aforrar trámites aos cidadáns

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, e o presidente da Deputación de Ourense asinaron hoxe un acordo de colaboración nesta materia

A Axencia Tributaria de Galicia cederá ao organismo provincial toda aquela información de tipo económico que precise, sen ter que pedirlla ao contribuínte

A colaboración entre ambas administracións traducirase nun funcionamento máis áxil, máis eficaz e menos burocrático, proporcionando maior fiabilidade á resolución de expedientes

Este convenio súmase aos xa asinados pola Atriga coas institucións provinciais de Pontevedra e A Coruña

A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) cederá información tributaria á Deputación de Ourense a través de procedementos telemáticos, de modo que o organismo provincial poderá acceder a esta documentación sen necesidade de pedirlla aos cidadáns. Isto servirá para axilizar os procedementos de resolución de expedientes e dotalos de maior fiabilidade.

Así o establece o convenio de colaboración asinado hoxe en Ourense pola conselleira de Facenda e presidenta da ATRIGA, Elena Muñoz Fonteriz, e o presidente da Deputación da Ourense, José Manuel Baltar. No acto de sinatura tamén estivo presente o director da ATRIGA, Ulpiano Villanueva.

A través deste convenio, a Deputación de Ourense poderá obter directamente da ATRIGA toda aquela información de tipo económico que precise para a concesión de subvencións, axudas ou para efectuar todo tipo de contratación con particulares sen necesidade de que os cidadáns teñan que recabala e achegala pola súa conta.

Por exemplo, a institución provincial recibirá da Axencia Tributaria de Galicia cada vez que o solicite o certificado de que unha entidade ou un contribuínte ourensán está ao corrente dos pagos coa Administración autonómica.

O acordo subscrito hoxe é o terceiro destas características que impulsa a Axencia Tributaria de Galicia coas deputacións, logo dos xa asinados cos organismos provinciais de Pontevedra e A Coruña.

Funcionamento menos burocrático e máis áxil
Este convenio enmárcase na liña de actuación seguida pola Administración autonómica de facilitar a realización de xestións e trámites burocráticos a todos os cidadáns. Trátase en todo caso de acadar un funcionamento máis áxil, máis eficaz e, na medida do posible, menos burocrático.

Deste xeito, a colaboración entre a Axencia Tributaria de Galicia e as deputacións provinciais garante a seguridade e a fiabilidade máxima dos datos obtidos a través de medios telemáticos.

A Consellería de Facenda foi xa pioneira no impulso da e-administración e en ofrecer servizos electrónicos para facilitar a realización de trámites a través de internet, ampliando prestacións e mellorando así as relacións entre Administración e cidadáns. Neste sentido, Elena Muñoz Fonteriz lembrou que dende 2003 xa é posible a presentación e o pago telemático de impostos autonómicos.