A delegada territorial da Xunta na Coruña sinala as “smart cities” como elementos clave na mellora da calidade de vida dos cidadáns
A Axenda Dixital de Galicia 2020 afonda na estratexia de transformación da nosa comunidade nun “territorio intelixente”.
Belén do Campo participou esta mañá na inauguración do III Congreso Cidades dixitais: a tecnoloxía aplicada a un novo concepto de sociedade.
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, sinalou esta mañá que as “smart cities” que actualmente se están xestando no noso territorio, como son as de Santiago e da Coruña, constituirán un elemento capaz de mellorar a calidade de vida dos cidadáns, tanto desde a vertente social como desde a económica. Neste senso, Do Campo indicou que estes novos proxectos responderán de xeito eficiente ás necesidades dos habitantes de cada vila e cidade e xerarán novas oportunidades de negocio que impulsen o tecido empresarial e social.
Así o manifestou durante a súa intervención no acto de inauguración do III Congreso Cidades dixitais: a tecnoloxía aplicada a un novo concepto de sociedade, organizado pola Confederación española de empresas de tecnoloxías da información, comunicacións e electrónica (Conetic) e pola súa representante en Galicia, a Asociación multisectorial de novas tecnoloxías da información e das comunicacións (INEO). Neste foro, a máxima representante do Goberno galego na provincia explicou tamén que na actualidade “imponse a necesidade de adaptar o concepto de ‘smart city’ a cada cidade, en función do seu carácter e necesidades”. “Son as necesidades cidadás, e non as capacidades públicas ou privadas, as que determinan as solucións adoptar”, incidiu.
Do mesmo xeito, recordou que a Axenda Dixital de Galicia 2020, que está a elaborar o Executivo autonómico, afonda na estratexia de transformación de Galicia nun territorio intelixente. “Estanse a concretar as liñas de acción no eido educativo, sociosanitario, do transporte, do turismo, da preservación da cultura e patrimonio, entre outras moitas cuestións, e todo isto virá complementar e reforzar as ‘estratexias smart’ das vilas e cidades na nosa comunidade”, apuntou a delegada territorial.
Por último, do Campo incidiu no papel relevante que xogan as TIC na estratexia dunha “rexión conectada e de cidadáns dixitalmente activos”. Por iso, sinalou que a transformación dunha cidade en “smart city” require de diversos factores como o impulso político, a visión estratéxica, a planificación, os recursos e, por suposto, o compromiso da industria TIC e de outros sectores servizos. “Pero, por suposto, -concluíu- resulta esencial conseguir a complicidade dos cidadáns, facéndoos partícipes dun proceso de transformación do seu entorno cotiá”.