A Delegación Territorial da Xunta na Coruña xa conta cun servizo de videointerpretación no rexistro xeral que facilitará os trámites ás persoas xordas da provincia
Co novo sistema poderanse beneficiar arredor de 6.400 persoas con discapacidade auditiva na provincia
Esta prestación é unha das achegas tecnolóxicas ao Plan de Acción Integral para as Persoas con Discapacidade de Galicia 2010-2013 que está a implantar a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica
É unha iniciativa pioneira en España que está a impulsar a Confederación Estatal de Personas Sordas para eliminar as barreiras de comunicación entre persoas xordas e persoas oíntes
De maneira simultánea, o servizo comeza a funcionar tamén no edificio administrativo da Xunta en Ferrol
A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, puxo hoxe en marcha na zona de Rexistro e Información da Delegación Territorial da Coruña un sistema de videointerpretación en lingua de signos para persoas xordas. Ademais, o servizo, que permite acceder á mesma información que se facilita a través do teléfono 012, tamén está activo no edificio administrativo do Goberno galego en Ferrol.
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral da Federación de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), Iker Sertucha, foron os encargados de poñer en marcha este sistema nun acto no que tamén estiveron presentes o responsable da Comisión de Accesibilidade e Novas Tecnoloxías, Enrique Santos, e a presidenta da Asociación de Personas Sordas de A Coruña, Blanca Mallo.
Beneficiarios
Desde hoxe, as persoas con algunha discapacidade auditiva teñen á súa disposición un videoteléfono instalado no Rexistro Xeral da Delegación Territorial. A través dese dispositivo, poderán poñerse en contacto co servizo de videointerpretación da Federación de Persoas Xordas de Galicia, dende onde se facilitará a interpretación da lingua oral a lingua de signos entre o empregado do rexistro e a persoa xorda.
Do Campo sinalou que co proxecto impulsado polo executivo autonómico “poderanse ver beneficiadas arredor de 6.400 persoas con discapacidade auditiva da provincia”, segundo os datos facilitados pola FAXG, cifra que na cidade da Coruña acada as 2.300.
A máxima representante da Xunta na Coruña subliñou que o novo sistema constitúe un modo de “achegar aínda máis a administración aos cidadáns” coa finalidade de “favorecer a relación co administrado”, neste caso, “coas persoas con algún tipo de discapacidade auditiva”.
Galicia é a primeira Comunidade Autónoma que ofrece na administración o servizo de videointerpretación en lingua de signos para persoas con algunha discapacidade auditiva. É unha iniciativa que está a desenvolver a Confederación Estatal de Personas Sordas, a través da plataforma SVIsual. En Galicia, o servizo ponse en marcha grazas a un convenio asinado o pasado mes de febreiro entre a FAXPG e a Secretaría Xeral de Modernización.
Ademais, as persoas con discapacidade auditiva poden empregar o sistema a través da web da Xunta. Neste caso, o usuario precisa dun ordenador con webcam e un teléfono co que contactar co servizo de videointerpretación indicando a persoa, entidade ou servizo co que desexa facer a súa consulta. Utilizando unha liña paralela, o videointérprete contactará co destinatario e indicaralle que se vai establecer a comunicación. A partir dese momento, actuará de ponte entre a lingua de signos e a oral, permitindo así a comunicación.
Plan de Acción para Persoas con Discapacidade
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica favoreceu a implantación da medida a través do Plan de Acción Integral para as Persoas con Discapacidade de Galicia 2010-2013. Do Campo fixo fincapé neste feito, pois aclarou que o principal obxectivo do documento é a eliminación das barreiras para converter Galicia “nunha sociedade accesible a todos os niveis”.
Pola súa banda, o secretario xeral da Federación de Persoas Xordas de Galicia, Iker Sertucha, destacou que o proxecto SVIsual é unha iniciativa pioneira en España, que busca “eliminar as barreiras de comunicación existentes entre persoas xordas e oíntes”.
“Tanto as persoas oíntes como as xordas poderán usar SVIsual a través da lingua de signos española ou calquera outra modalidade comunicativa que soliciten en función das súas necesidades”, explicou Sertucha.