A Delegación Territorial da Xunta en Vigo xa dispón dun sistema wifi que poderá ser utilizado por unhas 10.000 persoas ao ano
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, presentou esta mañá o novo servizo que a Administración autonómica achega aos cidadáns que veñan a facer os seus trámites ao edificio da Xunta na cidade
Os usuarios e usuarias que conten con calquera tipo de dispositivo móbil con wifi terán acceso libre á rede da Xunta e sen custe algún
O sistema está operativo nas zonas onde se prevé a súa máxima utilización e unha maior afluencia de público
Polo de agora se instalaron 6 puntos de acceso na planta baixa, na primeira, na quinta e na planta oitava da Torre 2, onde se atopan as aulas de formación, cun ancho de banda de 100 MB
No marco das políticas de modernización e incorporación das novas tecnoloxías polas que aposta o Goberno galego, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ven de instalar un novo sistema wifi no edificio administrativo da Delegación Territorial de Vigo.
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, presentou esta mañá o novo servizo de tecnoloxía wifi que a Administración autonómica achega aos cidadáns que veñan a facer os seus trámites ao edificio da Xunta en Vigo. O obxectivo non é outro que o de “incorporar e facilitar as novas tecnoloxías á vida ordinaria dos usuarios e usuarias, e tamén dos profesionais, dunha forma rápida e áxil”. Desta maneira, coma explicou a delegada, os cidadáns poderán acceder aos servizos prestados pola Xunta de forma libre e sen ningún tipo de custe conectándose dende calquera tipo de dispositivo móbil que dispoña de wifi.
A nova rede wifi –que xa está implantada en Santiago, Lugo e Ourense- está operativa nas zonas do edificio de Vigo onde se prevé a súa máxima utilización e unha maior afluencia de público. Conta así, polo de agora, con 6 puntos de acceso na planta baixa, na primeira, na quinta e na planta oitava da Torre 2, onde se atopan as aulas de formación, cun ancho de banda de 100 MB. Deste modo, o sistema ten capacidade para atender a uns 120 usuarios e usuarias de forma simultánea en ditas zonas.
Con todo, as persoas que se acheguen ata o edificio da Xunta poderán conectarse ao sistema wifi cunha rede de acceso libre a internet baixo o nome de Bibliotecas_Convidados. Así, segundo estimacións da Amtega, o sistema poderá ser utilizado por unhas 10.000 persoas ao ano cunha media de 50 usuarios e usuarias ao día.
Bravo Bosch explicou que o acceso será libre e sen custe para os cidadáns aínda que contará coas restricións xa existentes a día de hoxe e propias da Rede Corporativa da Xunta de Galicia. “Existirá un filtrador de contidos para garantir a seguridade no acceso”, dixo.
Por último, a delegada considerou que a instalación do sistema wifi no edificio da Xunta en Vigo supón dar “un paso máis” na modernización da Administración lembrando que, no ano 2010, a Delegación Territorial puxo en marcha o Punto de E-Administración electrónica cun promedio de 20-25 usuarios diarios; incorporou procedementos á tramitación electrónica; modernizou equipamentos informáticos ademais de investir na extensión das redes de banda ancha.