A Delegación Territorial da Xunta en Vigo xa conta cun servizo de videointerpretación para persoas xordas no rexistro xeral

Luns 27 de Xuño de 2011

A Delegación Territorial da Xunta en Vigo xa conta cun servizo de videointerpretación para persoas xordas no rexistro xeral

Tras implantarse no Rexistro Xeral de San Caetano, agora tócalle o turno ás delegacións territoriais da Xunta, sendo a zona de Rexistro e Información do edificio de Vigo a primeira en poñelo en funcionamento

Esta prestación é unha das achegas tecnolóxicas ao Plan de Acción Integral para as Persoas con Discapacidade de Galicia 2010-2013 que está a implantar a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica

É unha iniciativa pioneira en España que está a impulsar a Confederación Estatal de Persoas Sordas para eliminar as barreiras de comunicación entre persoas xordas e persoas oíntes

Con este novo sistema de videointerpretación poderanse ver beneficiadas máis de 2.500 persoas con discapacidade auditiva da cidade de Vigo

A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, puxo hoxe en marcha na zona de Rexistro e Información da Delegación Territorial de Vigo un sistema de videointerpretación en lingua de signos para persoas xordas, ademais de poder acceder tamén a través do portal corporativo. Este servizo, que permite acceder á mesma información que se facilita a través do teléfono 012, xa se puxo en marcha no Rexistro Xeral de San Caetano o pasado mes de abril e, agora, se está a poñer en marcha nas delegacións territoriais da Administración autonómica sendo o edificio administrativo de Vigo o primeiro en poñelo en funcionamento.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, e a vicepresidenta da Federación de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), María del Carmen González, foron as encargadas de poñer en marcha este sistema no Rexistro da Xunta en Vigo nun acto no que tamén estiveron presentes representantes da Asociación de Persoas Xordas de Vigo.

Galicia é a segunda Comunidade Autónoma que ofrece o servizo de videointerpretación en lingua de signos para persoas con algunha discapacidade auditiva. É unha iniciativa que está a desenvolver a Confederación Estatal de Personas Sordas (á que está asociada a FAXPG) a través da plataforma SVisual. En Galicia o servizo ponse en marcha grazas ao convenio asinado o pasado mes de febreiro entre a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) e a Secretaría Xeral de Modernización.

Acceso presencial e vía web

Desde hoxe as persoas con algunha discapacidade auditiva teñen a súa disposición un videoteléfono instalado no Rexistro Xeral da Delegación Territorial. A través deste dispositivo poderán poñerse en contacto co servizo de videointerpretación da FAXPG dende onde se facilitará a interpretación da lingua oral a lingua de signos entre o empregado do Rexistro e a persoa xorda.

Ademais, as persoas con discapacidade auditiva poden empregar a videointerpretación a través da web da Xunta. Neste caso, o usuario precisa dun ordenador con webcam e un teléfono co que contactará co servizo de videointerpretación indicando a persoa, entidade ou servizo co que desexa facer a súa consulta. Utilizando unha liña paralela, o videointérprete contactará co destinatario e lle indicará que se vai a establecer a comunicación. A partir dese momento o videointérprete actuará de ponte entre a lingua de signos e a lingua oral, permitindo así a comunicación entre a persoa xorda e a persoa oínte.

Plan de Acción para Persoas con Discapacidade

O sistema de videointerpretación para as persoas con discapacidade auditiva é unha das achegas da Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica ao Plan de Acción Integral para as Persoas con Discapacidade de Galicia 2010-2013. Así o salientou a delegada territorial da Xunta, quen destacou que un dos obxectivos prioritarios do Plan é a eliminación de todo tipo de barreiras para converter Galicia “nunha sociedade accesible a todos os niveis”. Explicou que neste proxecto recóllese específicamente a importancia da investigación, estudo e posta en marcha de novas ferramentas que aproveiten as novas tecnoloxías ao servizo da accesibilidade e da mellora das condicións de vida das persoas con discapacidade.

Beneficiarios

Así, a delegada resaltou que con este novo sistema de videointerpretación poderanse ver beneficiadas máis de 2.500 persoas con discapacidade auditiva da cidade de Vigo, segundo datos da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG), cifra que na provincia de Pontevedra –engadiu- ascende a máis de 5.600.

Con todo, Molares destacou o feito de contar cun novo servizo na Delegación Territorial da Xunta en Vigo para “achegarse aínda máis aos cidadáns” co único obxectivo de “facilitar a relación co administrado”, neste caso, “coas persoas con algún tipo de discapacidade auditiva”.

Eliminar barreiras

Pola súa banda, a vicepresidenta da Federación de Persoas Xordas de Galicia, Mª Carmen González destacou destaca que o proxecto SVIsual é unha iniciativa pioneira en España que busca “eliminar as barreiras de comunicación existentes entre persoas xordas e persoas oíntes.”

Neste sentido, a videpresidenta da FPXG indicou que “tanto as persoas oíntes como as persoas xordas na súa diversidade poderán usar SVIsual a través da lingua de signos española ou calquera outra modalidade comunicativa que soliciten en función das súas necesidades grazas aos servizos de signo e voz ou mensaxería instantánea, que contribúen a ofrecer un servizo personalizado.”