A Delegación Territorial da Xunta en Vigo acolle hoxe unha xornada formativa sobre o esquema nacional de seguridade
A delegada do Goberno galego na cidade, Lucía Molares, foi a encargada de inaugurar a xornada, dirixida a responsables políticos e profesionais das áreas técnicas, organizativas e xurídicas das administracións públicas
O Esquema Nacional de Seguridade, de obrigado cumprimento, establece as políticas de seguridade e protección de datos na utilización de medios electrónicos por parte de todas as entidades públicas
A Delegación Territorial da Xunta en Vigo celebrou esta mañá a Xornada de Difusión do Esquema Nacional de Seguridade que dende mediados do mes de abril se está a celebrar por todas as delegacións do Goberno galego para rematar hoxe na cidade olívica.
Organizadas pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, a finalidade destas xornadas non é outra que a de difundir o Esquema Nacional de Seguridade nas distintas administracións públicas de Galicia. O obxectivo destas sesións informativas é analizar as esixencias derivadas da entrada en vigor do Real Decreto 3/2010 do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Esquema Nacional de Seguridade, de obrigado cumprimento por parte de todos os órganos da Administración así como por calquera entidade de dereito público dependente deles.
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, foi a encargada de inaugurar a xornada formativa que, coma apuntou, permitirá, tanto aos responsables políticos das diferentes administracións galegas (autonómicas e locais) como aos profesionais das áreas técnicas, organizativas e xurídicas, “familiarizarse coas novas normativas, esixencias de cumprimento e as formas de responder á súa correcta aplicación” a través de sesións de formación específica, relatorios e unha mesa redonda tras a que terá lugar un debate e as posteriores conclusións.
Esquema Nacional de Seguridade
O pasado 29 de xaneiro de 2010 publicouse no BOE o Real Decreto 3/2010 do 8 de Xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da administración electrónica, que desenvolve parcialmente a Lei 11/2007, do 22 de Xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos Servizos Públicos.
Neste senso, Molares recordou que o seu obxectivo é establecer as políticas de seguridade e protección de datos na utilización de medios electrónicos por parte das administracións públicas e os principios mínimos que estas deben cumprir para garantir unha axeitada protección da información que xestionan. “A seguridade electrónica é indispensable para xerar confianza no uso dos medios electrónicos”, matizou a delegada da Xunta.
O Esquema Nacional de Seguridade (ENS) é de obrigado cumprimento por parte de todos os órganos da Administración (Administración Xeral do Estado, Administracións Autonómicas e Administracións Locais), é dicir, dende ministerios ou órganos autonómicos, ata concellos, así como calquera entidade de dereito público dependente da Administración (Universidades, Portos, axencias gobernamentais, etc.). Todos os sistemas existentes deben adecuarse ao ENS nun prazo de 12 meses dende a súa aprobación.
A entrada en vigor do Esquema Nacional de Seguridade busca crear as condicións necesarias de confianza para as relacións electrónicas entre os cidadáns e a Administración. Ademais, achegará unha linguaxe común para facilitar a interacción das Administracións públicas e introducirá un común denominador normativo que guiará a actuación das Administracións públicas en materia de seguridade das TIC.
Punto de E-Administración
Na súa intervención, a delegada da Xunta recordou que no marco de modernizar e achegar á Administración autonómica ao cidadán, a Delegación Territorial do Goberno galego iniciou hai uns meses unha experiencia piloto coa posta en marcha do Punto de Administración Electrónica (e-Administración) que ten coma obxectivo mellorar os servizos e axilizar os trámites que os cidadáns teñan que realizar ante a Xunta de Galicia. “Trátase dun servizo que foi moi ben acollido pola cidadanía”, sinalou Molares.
O punto de e-Administración ocupa un espazo duns 6 m2 e está ubicado na planta baixa do edificio da Xunta en Vigo. Os cidadáns poden utilizalo no horario de atención ao público, é dicir, de luns a venres de 9.00 a 19.00 horas e os sábados dende as 9.00 ata as 14.00 horas, salvo na época de verán, cuxo horario será de 9.00 a 14.00 horas.
Con este Punto de Administración Electrónica, os usuarios e usuarias poden navegar pola páxina web da Xunta e polas principais webs institucionais de Galicia e España a través de catro equipos informáticos de última xeración que contan coa máis moderna tecnoloxía e cos que se poderán realizar xestións telemáticas nos procedementos que se van incorporando dentro do Plan Estratéxico de Modernización da Xunta de Galicia que está a levar a cabo a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.