A CRTVG e a Secretaría Xeral de Medios aúnan esforzos para celebrar os 25 anos da compañía potenciando os avances tecnolóxicos cos que contan no ámbito das comunicacións
A exposición Galiciadixital itinerante e as aulas da rede CeMIT da Secretaría Xeral de Medios acollerán unha serie de actividades conmemorativas do 25 aniversario da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) durante todo o ano.
A mostra Galiciadixital arranca xa esta fin de semana cos novos contidos relacionados co aniversario no marco de Xuventude Galicia Net, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela.
A Secretaría Xeral de Medios e a Compañía de Radio Televisión de Galicia celebran o 25 aniversario da CRTVG co obxectivo común de potenciar os avances tecnolóxicos cos que contan no ámbito das comunicacións. Así, o subdirector xeral de Enxeñaría e Planificación de Telecomunicacións, Radio, Televisión e Multimedia da Secretaría Xeral de Medios, Ignacio Otero, e a directora da TVG, Rosa Vilas, presentaron hoxe no Centro Multimedia de Galicia as actividades conxuntas a desenvolver durante todo o ano, a través da mostra itinerante Galiciadixital e das aulas da Rede CeMIT (Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica) da Secretaría Xeral de Medios, en conmemoración do 25 aniversario da compañía radiotelevisiva autonómica.
A exposición itinerante e interactiva Galiciadixital, ademais dos seus contidos habituais, acollerá unha mostra fotográfica e un vídeo conmemorativo dos 25 anos da compañía e exhibirá unha serie de obxectos relacionados coa mesma como magnetófonos de bobinas, cámaras ENG, pratos xira discos, magnetoscopios, mesas de mestura de videos ou de son, etc. Ademais, os visitantes poderán converterse en presentadores de informativos grazas ao plató Chroma-Key, un espazo onde se poden situar e verse reflectidos nunha pantalla TFT de gran formato.
As actividades conmemorativas dos 25 anos da CRTVG en Galiciadixital desenvolveranse en 14 localidades galegas que visitará a mostra entre marzo e decembro deste ano: Santiago -onde recalará esta fin de semana con motivo da celebración de Xuventude Galicia Net-, Narón, A Rúa, Chapela (Redondela), Ferrol, A Coruña, Muxía, Pontevedra, Padrón, Sarria, Ourense, Arzúa, Lugo e Vigo.
Actividades na rede CeMIT
Por outra banda, algunhas das aulas da Secretaría Xeral de Medios da rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) acollerán tamén exposicións fotográficas e vídeos en conmemoración do aniversario, e serán visitadas por personaxes emblemáticas e representativas dos 25 anos de vida da CRTVG como o Xabarín, que visitará as aulas da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol durante os meses de abril e maio.
Ademais os interesados poderán participar, tamén nas aulas CeMIT destas sete localidades, en cursos relacionados co mundo audiovisual como o de stop motion que se desenvolverá nos meses de abril e maio.
As novas tecnoloxías e as redes sociais, como Twitter, non permanecerán alleas a este aniversario, dando cabida tamén a todos aqueles que queiran participar activamente nesta celebración a través de concursos relacionados coas novas formas de comunicación.