A contratación de banda larga nos fogares galegos con nenos aumentou case 15 puntos no último ano
O 83,2% dos fogares galegos con rapaces de 3 a 16 anos dispón de servizo de internet de banda larga, fronte ao 59,8% dos domicilios sen nenos.
As persoas que viven en fogares con nenos consideran a tecnoloxía de máis utilidade que as que non conviven con rapaces.
A metade dos mozos galegos conéctase á Rede máis de 5 horas semanais fronte ao 36,2% de persoas de entre 35 e 74 anos.
O uso das redes sociais, as descargas de software, xogos, música e películas así como a procura de emprego destacan entre os servizos máis empregados polos mozos na Rede, e con máis diferenza con respecto aos maiores.
Os fogares nos que se convive con nenos en idade escolar contan cunha porcentaxe case 18 puntos porcentuais superior á media galega en contratación de banda larga, aumentando case 15 puntos porcentuais no último ano. Este é un dos datos extraídos do estudo temático “A mocidade e as TIC”, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O informe constata grandes diferenzas respecto á contratación do servizo de banda larga en función da convivencia con nenos. O 83,2% dos fogares galegos con rapaces de 3 a 16 anos dispón de servizo de internet de banda larga, fronte ao 59,8% dos domicilios sen nenos en 23,4 puntos porcentuais.
O estudo do OSIMGA avalía a incidencia da presenza de nenos e mozos no fogar en relación ao equipamento e uso das tecnoloxías da información, a partir de datos propios do OSIMGA, obtidos no marco do convenio asinado co IGE. Ademais, cuantifica o uso de Internet dos “nativos dixitais” e, en particular, das redes sociais, a partir de fontes de información complementarias.
Ser novo e convivir con nenos, factores determinantes no uso de Internet
A convivencia con nenos tamén inflúe positivamente no uso de Internet nos últimos tres meses, acadando un 78,7% neste tipo de fogares, 18,8 puntos máis que aqueles nos que non conviven nenos en idade escolar.
O tempo aproximado de uso de Internet na última semana é sensiblemente superior nos mozos de 16 a 34 anos. A metade dos mozos galegos conéctase á Rede máis de 5 horas semanais fronte ao 36,2% de persoas de entre 35 e 74 anos.
A relación da poboación nova galega co uso das TIC é estreita e habitual. O uso da mensaxería instantánea, redes sociais, foros (85,5%), as descargas ou o uso de xogos, música e películas (56,8%) así como a procura de emprego (31,3%) a través da Rede destacan entre os servizos máis empregados polos mozos e con máis diferenza con respecto aos maiores.
O estudo constata unha diferenza xeracional considerable no que se refire aos trámites coa Administración a través de Internet. Mentres que os mozos superan amplamente aos maiores de 35 anos nas xestións universitarias, bibliotecas públicas e oficinas de emprego, estes últimos empregan a administración electrónica, principalmente para xestións sanitarias e declaración da renda.
Existe unha relación positiva entre a presenza de nenos no fogar e a actitude positiva cara ás novas tecnoloxías: As persoas que residen en fogares con rapaces séntense máis identificados coa tecnoloxía e considérana de máis utilidade. O principal problema co que se atopan estes fogares son os altos custes de conexión.
Os hábitos dos nativos dixitais
O estudo do OSIMGA estuda tamén os hábitos dos chamados “nativos dixitais”, recompilando información a través de fontes complementarias e, en particular, a partir do estudo “Screening do uso problemàtico de Internet entre os adolescentes da comunidade galega”, elaborado por Valedor do Pobo.
O citado estudo indica que o horario de tarde é o preferido polos mozos galegos para conectarse a Internet. O 65,5% dos adolescentes galegos conéctanse a Internet entre as 16 e as 21 horas.
O móbil é o dispositivo preferido para conectarse a Internet. Así, o 81,2% de adolescentes galegos conéctanse á Rede a través do teléfono móbil e 4 de cada 10 mozos fano desde o ordenador portátil, sendo o fogar o lugar preferido polos adolescentes galegos para navegar pola rede.
O 27,1% dos adolescentes galegos obtivo o seu primeiro móbil aos 12 anos, confirmando así que os rapaces se inician no uso das tecnoloxías a unha idade, cada vez máis temperá,
As redes sociais plenamente integradas na vida dos mozos galegos
Un 93% dos adolescentes galegos/as está rexistrado en, cando menos, unha rede social, acadando a porcentaxe máis alta os mozos que están rexistrados en tres ou máis redes sociais, concretamente un 68,8%.
Cabe salientar o incremento deste dato con respecto ao ano 2011, onde só un 15,9% dos adolescentes galegos estaba rexistrado en tres ou máis redes sociais. Tuenti é a rede social con máis adeptos entre os mozos galegos, cun 71,3% de rexistros, seguida por Twitter cun 65,1% e Facebook cun 62,1%
O 84,2% dos mozos galegos conéctanse a algunha rede social cando menos unha vez á semana e 6 de cada 10 fano diariamente, sendo o Whatsapp a aplicación de mensaxería instantánea máis utilizada polos adolescentes galegos.
O control parental
Unha das cuestións que máis preocupación xera na sociedade é a supervisión e as formas de control dos que dispoñen os pais para o acceso dos seus fillos/as a información e páxinas web. Máis da metade dos pais (51,1%) limitan e controlan as actuacións dos seus fillos na Rede, lixeiramente por riba do control exercido co teléfono móbil (48,1%).
Non obstante, o teléfono móbil é a principal fonte de discusións entre pais e fillos xa que 24,2% están motivadas polo uso do fronte ao 17,3% das que provoca a navegación a través de Internet.
Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.org