A Consellería do Mar distribúe máis de 200 tarxetas TICPESC a Amegrove para impulsar a trazabilidade dos produtos pesqueiros entre os bateeiros

Mércores 12 de Xaneiro de 2011

A Consellería do Mar distribúe máis de 200 tarxetas TICPESC a Amegrove para impulsar a trazabilidade dos produtos pesqueiros entre os bateeiros

A día de hoxe, a Consellería do Mar expediu máis de 800 tarxetas para os 6 terminais instalados, que emitiron preto 5.400 documentos

A implantación destes caixeiros permite a obtención instantánea de documentos relacionados coa actividade pesqueira, acuícola e comercial, incluso cando a lonxa estea inactiva

A Consellería do Mar distribuíu 234 tarxetas á cooperativa Amegrove para impulsar a trazabilidade dos produtos pesqueiros a través dos terminais TICPESC. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presentou hoxe o caixeiro do proxecto TICPESC no Grove e comprobou o seu funcionamento. Ademais deste porto contan cos terminais outros 5 portos, o de Bueu, o de Cedeira, o de Cariño, o de Cambados e o de Fisterra. Os TICPESC son terminais que permiten obter os documentos relacionados coa actividade diaria da pesca, da acuicultura e da primeira venda.

A intención da Consellería do Mar é estender estes caixeiros a todos os portos co obxectivo de prestar un servizo as 24 horas do día durante os 365 días do ano para que os usuarios teñan á súa disposición os documentos necesarios para a súa actividade en calquera momento do día. Así, prevé que neste mes estean operativos en distintos portos galegos 10 novos terminais, e que a partir de xaneiro se implanten entre 15 e 20 caixeiros máis.

Actualmente a Consellería distribuíu 813 tarxetas para a utilización dos terminais TICPESC. Este proxecto, que acadou boa aceptación nos seis portos que contan cos caixeiros, compleméntase cun servizo de atención ao usuario no caso de dúbidas ou incidencias. Os usuarios destes terminais son os profesionais do sector pesqueiro –armadores, mariscadores e acuicultores debidamente acreditados- e poderán utilizalos incluso cando a lonxa estea inactiva.

Entre as vantaxes da aplicación deste proxecto destacan as relacionadas coa innovación, a axilidade e a eficacia no sistema de emisión de documentos, un maior control da trazabilidade e o respecto medioambiental, reducindo o consumo do papel. Así, a implantación destes terminais permítelle ás administracións tanto pesqueiras como sanitarias, un control inmediato sobre as descargas e cantidades de pesca vendidas a través dos condutos legais para poder actuar e tomar decisións que garantan o control en tempo real. Con estas novas ferramentas, a Consellería do Mar garante tamén o seguimento do rastro dos documentos dende a súa orixe, facilitando cumprir cos obxectivos de trazabilidade dos produtos alimenticios.

Expedición de documentos

Durante o tempo que levan en funcionamento, os terminais instalados emitiron preto de 5.400 documentos. Concretamente o porto de Bueu emitiu un total de 2.234 documentos, o de Cambados 1.026, o de Cariño 382, o de Cedeira 43, o de Fisterra 708 e o do Grove 972. Destes documentos 1.010 eran de alternacia, 659 de orixe, 487 de rexistro e 3.209 de transporte.

Descrición dos terminais 

Os terminais instalados son uns dispositivos de estrutura encastrable situados no exterior. No seu interior levan un equipo informático de última xeración e deseñado exclusivamente para tal fin, monitor de 15”, teclado de aceiro, elementos de accesibilidade aos menús das aplicacións informáticas e sistema de lectura de tarxetas de recoñecemento dos usuarios. Todos estes sistemas están dotados de elementos que permiten a comunicación on-line a través das redes de comunicación existentes (ADSL, redes dixitais inalámbricas ou outros sistemas).

A accesibilidade ás aplicacións pode ser mediante o emprego do DNI-electrónico, pero para aqueles usuarios que non dispoñan desta acreditación, a Consellería do Mar facilitaralles unhas tarxetas electrónicas específicas.